As carrozas que locen pola vila de Boiro o día de Reis, e que organizan na parroquia de Lampón desde 1961, levan consigo o esforzo de moitos veciños
28 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Xa queda pouco para a noite dos nenos, a máis máxica do ano para eles. Mentres os cativos rematan de escribir as súas cartas aos Reis Magos, os veciños de Santiago de Lampón, en Boiro, ultiman os detalles da súa cabalgata, emblemática pola implicación dos habitantes e por conseguir un resultado tan vistoso con moi poucos medios. «Creo que podemos afirmar que non hai concello en toda Galicia que faga unha cabalgata como a nosa con tan poucos cartos. É a cabalgata feita pola parroquia, pero a súa calidade fixo que se convertera tamén na de Boiro enteiro», afirmou o párroco de Lampón, Marcelino Sánchez.
Foi grazas a Pacucho, un veciño de Escarabote, que comezou esta tradición, aló polo 1961, pero non foi ata 1983 cando se converteu na cabalgata oficial de Boiro. Impresiona polas súas dimensións e tamén pola calidade das carrozas. Marcelino Sánchez explica que as estruturas quedan feitas dun ano para outro, pero sempre hai que facer amaños e inclúense elementos novos. «Hai que revisar pequenos detalles, como o aire das rodas ou os xeradores para que funcionen as luces, hai que facer algún traxe novo e renovar outros», continúa o párroco.
Está organizada integramente pola parroquia, e conta cun presuposto duns 7.000 euros: «Recibimos 4.100 do Concello de Boiro e vendemos 9.000 euros en lotería de Nadal, co que sacamos uns 2.400 de beneficios. Este ano, ademais, tocounos o reintegro, e moita xente déixanolo. Tamén recibimos donativos e eu deixo para a cabalgata todo o que se recada na colecta da igrexa nestas datas. De feito, a colaboración veciñal é enorme. Non podemos máis que estar agradecidos pola implicación dos habitantes», comentou Sánchez.
A comitiva do día 5 estará formada por oito carrozas: tres con tronos para os Reis Magos, tres cos camelos cargados de agasallos, outra coa representación do Nacemento e unha última cun parque infantil e unha fonte luminosa. «A do Nacemento, excepto os personaxes de Xosé e María, está formada exclusivamente por nenos», contou o cura de Lampón.
Cincocentas persoas
Ademais dos Reis e o episodio do Nacemento, da cabalgata forman parte lanceiros, paxes, espadeiros, antorcheiros, romanos, xigantes, cabezudos e mesmo cabalos. A isto hai que engadir as actuacións musicais que hai contratadas para a ocasión. Segundo confirmou o párroco, asistirán Buxaina, Arume, Os Armadanzas, OJE de Ferrol e a Banda de Música Municipal de Boiro, ademais dun grupo sen confirmar. En total, formarán o espectáculo unhas cincocentas persoas.
O itinerario é do máis completo. A saída será ás 16.30 do aparcamento de A Magdalena, pasará por Ponte Goiáns, a rúa Principal e o Concello. «Alí os Reis serán recibidos polo alcalde e toda a corporación. Ademais, os nenos poderán entregarlles as cartas», comentou Sánchez. Logo seguirá a cabalgata pola rúa peonil, Santos Mieites, Pablo Iglesias, avenida de Compostela, o paseo marítimo cara Escarabote, O Pontillón e Escarabote de novo baixando polo peirao ata o centro social. «Alí, sobre as 22.30 horas, oficiarase a misa de Reis e, ao rematar, haberá unha tirada de fogos de artificio», engadiu o cura.
Un espectáculo digno de ver, feito entre todos e para todos, no que Marcelino Sánchez anima a participar a todo o mundo, dende meniños ata maiores.