A feira da camelia, suma e segue

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

O éxito da exposición de Boiro garante a súa continuidade e o obxectivo dos organizadores é que a vindeira edición teña lugar no pazo de Goiáns

14 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Rotundo éxito, tanto de público como de flores amosadas. Este é o balance que onte fixo Ana Isabel Calo, a organizadora da feira da camelia de Boiro. Tanto é así que o seu obxectivo é continuar coa iniciativa o ano que ven coa que sería a oitava edición da exposición, procurando incluso ampliar a mostra e darlle máis repercusión.

No que á afluencia de visitantes se refire, Calo asegurou que se superaron as cifras das edicións anteriores: «É imposible saber canta xente pasou pola casa de cultura da Cachada ao longo do fin de semana, pero si podo dicir que, a diferenza do ano pasado, nesta ocasión non tivemos descanso».

A cultivadora boirense sinalou que veu moitas caras coñecidas, pero tamén se atopou con xente que era a primeira vez que se achegaba á exposición e que quedou fascinada: «Hai persoas que repiten cada ano. Unha delas é un señor de 87 anos, que ven desde a localidade portuguesa de Pazos de Ferreira».

No que ás flores exhibidas se refire, Ana Calo asegurou que se cumpriron as expectativas: «Contabamos incluso con que houbera menos especies, xa que debido ao mal tempo, a flor abriu tarde e incluso houbo moitas que morreron. Isto provocou que algúns dos expositores que eran habituais só puideran achegarse nesta edición como espectadores».

Aínda así, na Cachada amosaron as súas camelias máis de trinta cultivadores, dos cales, sete eran da comarca de Barbanza. Neste sentido, Calo manifestou que o seu obxectivo é que esta cifra se vexa incrementada na vindeira edición: «Aproveitei a presenza de xente da zona para animala a que o ano que ven acudan, aínda que só sexa cun ramiño ou cun centro. O que quero é que os veciños se sumen».

Ausencia de raticulata

O gran obxectivo desta feira, que é amosar a camelia sasanqua, a primeira que florece, quedou cumprido. Era precisamente desta especie da que máis exemplares había na Cachada. A mágoa para os organizadores foi que, debido ao mal tempo, non houbera abundancia de raticulata, pois son as flores máis espectaculares polo seu tamaño.

É que a organizadora desta feira pretende que na oitava edición haxa unha exposición maior. Para iso, confía en poder utilizar as instalacións do pazo de Goiáns: «O goberno é partidario de que sexa así e eu penso que ese edificio é o lugar axeitado. Só o feito de que sexa unha construción de pedra posibilitará que as flores se conserven en mellor estado e aguanten máis tempo».

A posibilidade de trasladar a Goiáns a exposición da camelia púxose enriba da mesa na tarde do sábado, ao longo dunha visita que se fixo precisamente, á finca na que se atopa o pazo: «A xente quedou encantada co que alí viu, e iso que non puidemos acceder ao interior do edificio, que está en malas condicións».