A asociación Terra de Outes realiza unha mostra con imaxes antigas de xentes, costumes e lugares do Concello
04 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Cando a mente falla, cando pode o esquecemento, a fotografía é unha boa maneira de rescatar a memoria. Niso pensaron desde a asociación cultural Terra de Outes, que acaba de inaugurar unha exposición de fotos antigas sobre a historia, as xentes, as festas, os costumes, os traballos e os lugares do concello. Trátase dunhas oitenta imaxes que percorren un tramo da historia local, desde os anos dez ata os cincuenta. «Consiste nun mosaico moi amplo da vida social de Outes, pois inclúense instantáneas de celebracións, de escolares, de bebés e incluso hai mortos», explica Xoán Mariño, presidente da asociación. O espectador pode atopar un abano moi amplo. Hai unha foto dun carro de vacas, unha estampa case imposible de ver hoxe en día. Tamén hai outra imaxe da antiga entrada na Serra de Outes, unha rúa cunha rea de olmos aos lados unidos pola parte alta. Outro dos tesouros que garda esta mostra é a foto dun tradicional barco de vela: «É un Sancosmeiro, porque saía de San Cosme, transportando, entre outras cousas, os sombreiros que logo recibiron o mesmo nome deste barco», engadiu o presidente da asociación. Emotividade Trátase dunha mostra cargada de historia «e de moita emotividade, con xente coñecida e que xa non está», continúa Mariño. De feito, debaixo de cada imaxe aparece un indicativo para orientar ao visitante. Para este home, é moi importante o papel desta mostra: «A nosa mente garda o pasado, por moi recente que sexa, traumático ou glorioso, con moi pouca nitidez (...) E para desmentir esa idea fixada na mente como se fose a realidade están as fotos». Para Mariño, estas estampas «serven para recordarnos quen e que fomos». Na súa opinión, estas imaxes representan a Outes: «Todos estes currunchiños fotográficos constitúen unha metáfora visual do acontecer do noso concello que nos incorpora a todos». As fotos proceden dos arquivos particulares dos propios veciños. A idea da asociación é reunir todo o material posible, incluído o da exposición, para publicar un libro coas imaxes, e completalo con datos e comentarios dos maiores da zona e de profesionais da historia. A mostra pode verse na casa de cultura de Outes ata o 15, de luns a venres de 9.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00, e o sábado de 11.00 a 13.00.