Sar, un hidrónimo moi primitivo

Isabel Santos

BARBANZA

24 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na parroquia de San Vicente de Cespón, Boiro, temos a localidade de Sar, un de tantos topónimos monosilábicos que son do interese dos estudosos polo seu presunto primitivismo. En efecto, nomes como Zas, Pol, Sil, Sol ou Sor sobreviven, grazas á transmisión oral, dende os nosos primeiros devanceiros europeos. Volvendo a Sar, a súa orixe pode estar na presenza dalgún manancial, nunha zona abondosa en augas (ríos Beluso e Brea, entre outros). Existen en territorio galego concas coñecidas e localidades que toman o nome do río próximo: Sar, Sarela, Sarria... Tamén en España e Europa: Arroyo del Sarro, en Sevilla; Riera de Sara, en Barcelona, ou río Sarre, en Francia. A orixe destes hidrónimos está na raíz indoeuropea *Sor, que puido mudar a vogal en "a" como adoita ocorrer. En indio antigo (lingua da familia indoeuropea) tamén temos "sará", co significado de río ou regato.