Señor don José Blanco López. Ministerio de Fomento. Madrid.
Querido Ministro: Espero que cando recibas estas letras te encontres ben. Eu ben, grazas a Deus.
A razón pola que che escribo xurdiume cando xa saíndo de Rianxo, á altura da banda de Lestrove, decateime do adiantadas que van as obras do AVE e non tiven ningunha dúbida de que iso tiña moito que ver coa túa orixe galega. Iso si, un galego comprometido coa súa terra, non coma outros que botaron corenta anos no poder e non estiveron a altura do que se espera dun bo paisano. ¡Por certo, que tecnoloxía, tío, iso da ponte entre Rianxo e Catoira sen que nin a lamprea se vexa afectada!.
Logo, cando en Santiago collín a autopista AG-53 cara a cidade das Burgas tamén me lembrei de Pepe Cuíña. Certo que entre Padrón-Ourense a peaxe algo cara é, xa que custa tanto coma comer o prato do día no restaurante El Guijo en Benavente, pero ambas cousas pagan a pena.
Tamén aproveito para alertarche de que controles que as empresas da obra, que sempre teñen de man algúns aparelladores de ética dubidosa, non te enganen cos prezos nin coa calidade, aínda que contigo non é doado, como o amosaches cos controladores aéreos, pero dígocho xa que coñezo un alcalde, do que non debo dicir o nome por aquilo da afinidade política -xa me entendes- que asfaltou unha rúa duns 2.800 metros cadrados co Plan E, ese que malpocadamente sacastes dun peto sen fondos, que custou case 137.000 euros, é dicir, a 49 euros por metro cadrado, cando din os expertos que iso triplica o prezo normal neste tipo de obras. ¡Que queres que che diga!.
A verdade é que estou moi esperanzado tendo en conta, ademais, que Mariano, do que ninguén dubida que vai gañar as vindeiras eleccións xerais, procede de Berdoias por onde tamén a Xunta vai facer unha autoestrada cara Fisterra pasando polas ricas terras agrícolas de Bergantiños o que xunto coa conexión Lugo-Ourense e outros arranxiños posibilitará que Galicia non se desruralice.
Bueno, teño moitas outras cousas que dicirche, tales como que estou convencido de que desaparecerán os estrumes que nos queiman os montes cando exportemos esterco nese tren, pero o papel non estira, así que sen máis por hoxe recibe unha forte aperta deste que o son e que non te esquece.