Ben sei que hoxe tocaba falar da seca. Da mesma seca que deixa ás reses bravas sen pasto. A mesma que obriga en Boiro ós gandeiros a levárllelo ata o monte, segundo La Voz de Barbanza. A mesma seca que deixa sen alento ás terras baixas. E sen folgos ás froiteiras, porque é que nesta comarca, ademais, tampouco existe costume de cultivalas. ¿E, entón, para que regalas? ¡Que, total, para o que a nosa froita nos dá, xa hai nos supermercados; de fóra, ben limpa e máis que guisada! Xa non falemos, ¡por Deus!, do millo de Mazaricos. «Que será del, se non chove».
Pero, en fin? Que non imos falar da seca, senón do lume, porque este tamén en La Voz, xa citada, foi noticia principal nesta última tempada. E mesmo, por outra banda, ¿que hai máis sedento que o lume? Quizabes será por isto que Vulcano sinta apego por Galicia. Ou que sexa que, pola lascivia desta ós calores de verán, recruta dela ós nativos para pór lume ós seus montes e podela así gozar.
De calquera xeito, fosen cal fosen as intencións de Vulcano, o certo é que, aínda que non saibamos se vido de envexas envelenadas da parte de Portugal, o lume, coincidente con varios días de festas noutros lugares, chegounos, unha vez máis. Arrimouse por Ourense, coma sempre, onde nunca faltará. Mentres que por Pontevedra pasou incluso sendo mortal. Polo de agora, tentounos ata en Negreira, en Teo e mesmamente en Brión. Que nin por Muros, sequera, no seu afán luxurioso, quixo amosar caridade.
Non obstante, onde o lume, por tentarnos na comarca, gastou o máis do seu empeño lascivo foi no municipio de Boiro. Aquí librou de quenturas case tanto como toda unha semana. E ata volveu tentalas, pola banda de A Pedreira, despois da quenta de Cures, segundo a mesma La Voz de Barbanza. Como nos conta o diario, ata tal punto estas brasas chegaron a desbordarnos do susto que, entre o medo e a aflición que debeu causar en moitos o ver como se ía o monte en flamas, o ex alcalde do Concello, Manuel Velo, hoxe líder de ICB, volveu a reivindicar maiores investimentos para a limpeza dos montes e para reforestalos.
Pero, en suma, para prever os incendios, o ex mandatario falaba dunha vella iniciativa, para el aínda vixente, e a cal era: levantar nesta zona unha planta de biomasa, cousa que permitiría a produción de enerxía a partir da que se contén na masa forestal dos nosos montes, máis que abundante e ociosa na actualidade.
É certo que nunca fun nin irei cuberto á misa, porque eu á misa non vou -case de súpeto, intervén aquí Olegario-, pero as ideas, se parten da realidade en busca de mellorala, o mellor de todas elas consistirá en apoialas. Con tal ocasión, Protágoras, deberías recordar o que escribiches un día, moito antes de que tiveses acceso ó Miradoiro Virtual, alá polo 2006, cando foi que ardía Galicia como flama numantina.
A conclusión que sacaches aquel día das lumeiradas da mente, despois de moito alumar, foi esta, nin máis nin menos: «De momento, si no fuese por el miedo al resultado, (os diría lo que pienso): ¡El monte importa un carallo! Solo se quema una parte de la cultura gallega, aunque sea en este caso, una parte de una cultura pasada, hace tiempo ya agotada».
Dirasme ti que daquela estabas obsesionado co aquel do «chiringuito educativo» que nos montaron por riba daquelas fincas de Noia, que ámbolos dous sabemos, e que ti ben denunciaches no seu día diante da autoridade, e varias ante as locais, porque na realidade o negocio producido, a base do erario público e a conta do «chingo mingo», significou a destrución máis brutal e descarada dun monte, onde aínda, como todo o mundo sabe, nunca ningún lume entrara.
Eu direivos que tamén, niso do «chiringuito», leva razón Olegario. Pero é que este Olegario? Só nos crea compromisos. E así é que, polo tanto, xa despois de nomeado, non nos queda outro remedio que volver, para acabar de tratar diso que di, para a semana que vén.