«Para min todos os clientes son importantes»

La Voz

BARBANZA

13 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Algúns dos atractivos que a xastrería ofrece ao cliente, fronte a outro tipo de tendas de roupa, son a atención personalizada, o mimo nos deseños e, sobre todo, a adaptación máxima do modelo á persoa que hai que vestir.

Manolo García salienta a importancia de saber adaptarse a cada cliente e ofrecerlle algo exclusivo, algo que está feito á súa medida: «Cando alguén entra pola porta, observo, e miro máis alá das súas medidas anatómicas. Hai unha parte psicolóxica moi importante cando realizas un traballo».

Aínda que polas súas mans pasan clientes moi diversos, tales como xente do espectáculo ou da vida política ribeirense, este profesional indica o seguinte: «Para min todos os clientes son importantes, a súa satisfacción é o meu obxectivo. É esencial que o cliente quede contento, pero tamén é moi necesaria a miña seguridade respecto ao traballo realizado. Ás veces, a persoa que tes enfronte non se deixa aconsellar e non estás moi seguro de que o resultado sexa o óptimo».

Outro tipo de traxes que realiza este atesán ribeirense son os militares, tanto para as Forzas Armadas como para o resto de corpos do Estado.

Neste caso, Manolo García indica a relevancia dos detalles, que fan que todos os uniformes sexan iguais, e a importancia do traballo das teas e dos materiais, para que teñan ese toque que os diferenza.