Cóntanme dun rapaz que lle preguntou a seu avó a que idade se deixa de ser home, e o avó, despois de pensalo remitiuno á avoa, pero esta, tamén despois de pensalo evadiuse: «Mellor que cho diga teu avó».
É tan relativo isto de poñerlle límite ós estados da vida, que só se sabe a onde chega cada etapa cando a anterior foi claramente excedida. Confeso que me caeu a alma ós pés o día que un cativo chamou, «mamá, aquí está un señor preguntando por ti». Ata aquela nunca soubera o que pesan os anos. Xulio, que é moito de xogar coas palabras, sempre di que ó chegar ós corenta é cando todo cambia, e para confirmalo, a linguaxe márcao co sufixo definitorio «ón», de corentón e os que seguen, con ese aumentativo que adxectiva despectivamente, mentres que, ata esa, o «añeiro» soa como máis cariñoso.
Ó parladoiro dos xoves, onde nos xuntamos amigos de distintas idades, alguén veu coa nova de que un inquérito feito a nivel europeo, para saber onde poñen os nosos concidadáns o límite entre a mocidade e a vellez, deixou claro que é un asunto no que ninguén se pon de acordo, pois que a idade varía segundo quen dea a resposta e segundo o nivel económico e sanitario do país enquisado. Unha pregunta que ningún dos alí congregados acertou a contestar, seguramente porque non ten unha resposta clara: ¿Cando se entra na vellez e cando se deixa de ser mozo?.
O amplo abano que se barallou deixou claro que todos estabamos arrimando a ascua á nosa sardiña e daquela, alí mesmo, buscamos a un grupo de seareiros para facerlle unha enquisa de urxencia sobre o tema, e a resposta foi clarísima: para os máis novos, a partir dos corenta xa se entra na vellice e para os máis vellos ós setenta es un rapaz. Como se ve, o concepto de vello e mozo non está claro, e só serviu para que se sacasen a porfía os coñecidos refráns de «xente nova e leña verde todo é fume» respondido con ese outro de «cabeza branca e siso por vir».
Lembro que cando era neno, se morría alguén preguntaban cantos anos tiña o finado, e era moi frecuente dicir dos que superaban os setenta que xa era vello, incluso que ía no seu tempo -aínda non hai disto corenta anos-, mentres que hoxe, todos coinciden en dicir que a esa idade somos demasiado novos para cederlle o paso á gadañeira. Logo, sabendo que esa pregunta sobre a relatividade da idade, só se contesta desde a sensación do preguntado, en tempos de tanta recesión económica, ¿a que vén gastar os cartos en algo tan pouco útil? A proba está en que o grupo etario pon o límite da vellez o máis alto posible, mentres que os máis novos rebaixan ós cincuenta e un a entrada na tan deostada idade.
A nivel xeral, e facendo unha media (tan pouco científica como soe ser calquera media), en Europa, segundo a enquisa, considérase que se está na mocidade ate os 39, e éntrase na vellez ós 62, o resto, entre os corenta e os setenta, debe ser unha especie de limbo, cousa que non está mal pola parte que me toca, sempre que non sirva este límite para marcar a nova idade de xubilación; porque xa se sabe, empézase cunha preguntiña inocente e remátase por converter a resposta en asunto de estado.
A nosa discusión puido seguir durante longo tempo, e as armas para defender as opcións baseáronse na filosofía popular en forma de refráns e cantigas que manteñen o seu valor polos moitos anos que veñen dando a razón da súa sentencia, e se uns atacan co de «Deus te libre de mozo cando lle apunta o bozo» de dubidosa veracidade, todos aceptamos que, sen discusión algunha, a verdade encérrase naquel outro que asegura: «viño e amigo, mellor canto máis antigo», e o resto sonvos contos.