Palabras con sabor a salitre

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

O proxecto «No meu mar, na miña lingua», presentado onte en Rianxo, é un completo vocabulario das diferentes embarcacións

01 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Se hai algo intimamente ligado á vila de Rianxo é o mar, unha unión que se traduce na estrutura dunha localidade que mira á ría e recende a salitre, na economía e tamén na fala. A isto se aludiu onte no instituto rianxeiro Félix Muriel porque a cultura mariñeira é a base dun traballo que durante os tres últimos anos desenvolveron alumnos e mestres coordinados polo equipo de normalización lingüística do centro. O resultado son unha serie de láminas, un vocabulario en formato papel e tamén dixital e uns vídeos que non recibiron máis que piropos por parte dos convidados á presentación da iniciativa No meu mar, na miña lingua .

Á posta de longo deste traballo asistiron o secretario da Real Academia Galega (RAG) e director do Centro de Terminoloxía Científico-técnica de Galicia, Manuel González; o tamén académico Francisco Fernández Rei; a coordinadora de equipos de normalización da provincia, Mercedes Queixas; Olga Iglesias, representante da Xunta; e a concelleira de Cultura, María del Carmen Figueira. Todos destacaron o valor dunha iniciativa que desde que botou a andar se fixo con tres galardóns nos Premios de Innovación Educativa e Normalización Lingüística.

Valentina Formoso, do equipo de normalización do centro, explicou as metas da posta en marcha do proxecto No meu mar, na miña lingua , unha iniciativa coa que se levou ao papel a terminoloxía relacionada cos distintos tipos de embarcacións.

«A recuperación do patrimonio lingüístico e cultural era un dos obxectivos concretos, e para iso os alumnos levaron a cabo un importante traballo para recoller a riqueza lingüística dos maiores a través de termos, cantigas e refráns. Tamén buscabamos a normalización dos usos cultos do idioma, eliminar os prexuízos con respecto á lingua e demostrar que o galego serve para todo, tamén para presentarnos en Europa como fixemos a través do proxecto Comenius», explicou Formoso.

Alumnado

Foron os alumnos os encargados de levar a cabo as tarefas de campo, e foron tamén estudantes os que explicaron o procedemento que seguiron no traballo. Ademais da recollida da diferente terminoloxía relativa a embarcacións tradicionais como a dorna xeiteira, a gamela, o racú ou o barco bateeiro e tamén a naves para a práctica deportiva, os rapaces fixeron un intenso labor de análise dos vocablos para comprobar a súa existencia e logo buscar a correspondencia en castelán, francés, inglés e portugués.

Todo isto traduciuse en láminas cos distintos tipos de embarcacións cos nomes que designan a cada unha das partes, vocabularios visuais, tanto en papel coma en formato dixital, con definicións e imaxes, así como as correspondencias das palabras en outros idiomas e dous vídeos: sobre a carpintería de ribeira, con testemuñas de artesáns, e tamén sobre os deportes náuticos.

Impecable

Trala presentación, á que acudiron un bo número de alumnos, chegaron as intervencións, nas que todos os convidados coincidiron en destacar a calidade do proxecto. Manuel González cualificou o traballo como «impecable dende o punto da vista da súa elaboración e tamén da presentación». Logo, aludiu á vila rianxeira ao dicir que resulta «significativo que a iniciativa parta dun centro situado na terra de Castelao, Manuel Antonio e Dieste» e por último agradeceu o feito de que o traballo sexa «unha homenaxe aos pais dos nosos pais, á cultura tradicional. Este proxecto é un reflexo palpable da nosa historia».

Olga Iglesias destacou que a iniciativa rianxeira é das máis laureadas dos premios de innovación e normalización, mentres Francisco Fernández deixou no centro uns agasallos relacionados coa cultura mariñeira e Mercedes Queixas afirmou que o centro de Rianxo «sempre dá que falar cando se conxuga o verbo traballar con compromiso e innovación».