Valle volve inspirar relatos

BARBANZA

A Asociación de Amigos do Museo pobrense ven de convocar unha nova edición do seu concurso literario

24 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Para os novos valores da literatura que desexen darse a coñecer e para os escritores que queiran dar un paso máis na súa carreira vai dirixido o certame de relatos Valle-Inclán. A presidenta da Asociación de Amigos do Museo pobrense dedicado ao literato, Paola García, e a secretaria, Lola Devesa, deron onte a coñecer as bases da nova edición do concurso, na que hai poucas novas con respecto aos anos anteriores.

Iso si, unha das modificacións pode truncar as expectativas dalgún afeccionado á pluma, xa que nesta edición non poderá participar ninguén que xa concorrera dous anos seguidos ao concurso. O obxectivo é darlle así máis oportunidade aos principiantes no arte de escribir de acceder aos dous premios que se concederán: un de mil euros e outro de cincocentos.

O que non cambia con respecto a edicións anteriores é a idade mínima dos participantes, fixada en 16 anos, ou a extensión dos relatos: un máximo de vinte folios mecanografados a dobre espazo. A lingua a empregar ten que se o galego.

Desenlace en setembro

Segundo o calendario que elaborou a Asociación de Amigos do Museo Valle-Inclán, a reunión dos membros do xurado que se encargarán de valorar os distintos traballos terá lugar o 4 de setembro e a entrega de galardóns farase o 25 dese mes.

Descoñécese a identidade das persoas que integrarán o xurado, aínda que se sabe que serán do eido da cultura. O seu nome darase a coñecer o mesmo día que se divulgue o fallo.

No acto de presentación das bases que tivo lugar onte no auditorio da Pobra, tanto Paola García como Lola Devesa agradeceron a colaboración do museo na organización do certame, así como o apoio prestado polo Concello, que exerce de patrocinador.

Como non podía ser doutro xeito, deron a coñecer os pasos que deberán seguir todas aquelas persoas que desexen participar no concurso, que non son outros que remitir as súas obras á Asociación de Amigos do Museo, no apartado de correos número 3; ou á casa consistorial da Pobra. O prazo rematará o 23 de xullo.

As representantes do colectivo organizador do certame aproveitaron a ocasión para facer un chamamento a todos os barbanceses afeccionados ao arte da pluma, aos que convidaron a sumarse ao concurso.