En Neixón (Cespón) atópase un xacemento prehistórico que eu tiven a oportunidade de visitar hai varias semanas. Alí teremos ocasión de coñecer ao responsable das instalacións, Víctor Barbeito, que na súa visita guiada nos ilustrará con aplomo e sapiencia incuestionables. Cando nos atopamos na areopoloe, a primeira impresión que recibimos é o que eu chamaría carencia de fulgor monumental. Repararemos nos habitáculos circulares, fatigosamente construídos, e só con carácter parcial, polas doctas mans dos arqueólogos. Sentirémonos en certo sentido defraudados, pero será no museo contiguo ao castro onde as explicacións do director nos fagan comulgar coas íntimas reliquias gnoseolóxicas, que garda como un tesouro o emprazamento.
Debo salientar que cheguei a Neixón cunha idea preconcibida, as últimas investigacións en enxeñería xenética, revelan ao parecer que hai unha comuñón de sangue entre os galegos e os habitantes das illas británicas. O perfil xenético das dúas poboacións está emparentado, ata o punto de que a vella discusión entre os partidarios da teoría celta e os seus detractores parece definitivamente finiquitada. O único problema sería o propio significado da palabra celta, que quizais houbera que substituír por un termo máis preciso que eu non me atrevo a acuñar, pero o neoloxismo tería que estar ligado ao que coñecemos como illas británicas, ou a designación que podería ter o arquipélago en tempos prehistóricos.
A falacia histórica na que incorría o vello celtismo era relacionar a Galicia con Escocia e Gales, omitindo os vínculos coa propia Inglaterra. A mendacidade era fácil de entender, ignorábase que a antiga lingua desa nación europea era unha variante do celta. En realidade, o idioma inglés nace a partir da inmisión de pobos xermánicos no arquipélago.
É significativo salientar como unha ciencia como a xenética pode desvelar segredos históricos de máis entidade que as máis arduas e febrís angueiras dos arqueólogos. Iso que se chamaban as ciencias puras desprazan ás humanidades e mesmo as suplantan.
É curioso como a arqueobioloxía nos dota dunha información substancia que os historiadores ao uso non están en condicións de desvelar.
Un motivo adicional de reflexión foi a estrutura circular das casas do castro; este dato revélanos que a arquitectura da época era tenue no seu desenvolvemento. A cuestión é o segredo de Polichinela, calquera albanel sabe das dificultades que entraña, no seu arte, a correcta realización dunha esquina.