Pai e fillo comparten a afección polo deporte profesionalizando a súa dedicación e canalizando o talento dos atletas que xorden en Barbanza
04 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Para eles non se trata de correr soamente. Entenden o atletismo como unha disciplina atlética que se diversifica en modalidades nas que é necesario por igual o uso do físico, a intelixencia e sobre todo, «a disciplina no adestramento diario» tal e como apunta Pepe Moure, coa complicidade do seu fillo Abelardo.
«Todo comezou no ano setenta, cando participei nunha actividade deportiva que o Concello da Pobra organizou baseada practicamente no atletismo. Ao rematar, eu e algún máis fixemos un curso de monitor, tempo no que tería 14 ou 15 anos e así continuei ata hoxe, pasando etapas dentro do fútbol en equipos como o Boiro, A Pobra e no Oleiros, aínda que a enfermidade miña foi sempre o atletismo», confirma o patriarca da familia Moure e do deporte barbancés, título simbólico que gañou a pulso dende que fundou en 1984 a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza.
A institución que dirixe conta na actualidade con 76 licencias federadas en todas as categorías deportivas, incluíndo rapaces con idades dende os oito anos ata veteranos onde o maior ten 62. «Do nivel -asegura Pepe- non nos podemos queixar dende fai dos ou tres anos, xa que temos unha moi boa participación en campionatos galegos en todas as categorías a nivel individual. Ademais en categoría nacional conseguíronse varias medallas en lanzamento de xavelina e este ano lográronse medallas de ouro, prata e bronce».
O estadio da Alta
A disciplina que precisa este deporte tradúcese en horas e horas de adestramento, habendo na categoría de cadetes días de dobre sesión durante a mañá e a tarde, «aínda que é necesario que tamén teñan talento para poder gañar títulos», recoñece Pepe.
O estadio da Alta, na Pobra, é o lugar no que adestran diariamente tanto pai como fillo, Abelardo, de forma conxunta. El é o herdeiro desta afección deportiva que se dedica profesionalmente a practicala, empezando dende neno e probando en diferentes probas como fondo, obstáculos e xavelina, sendo esta última modalidade á que se dedicou exclusivamente dende cadete ata hoxe.
Abelardo militou neste tempo en diferentes clubs deportivos como o Ría de Ferrol e Academia Postal de Ourense, continuando noutras asociacións de Zaragoza, Pamplona, Burgos, estando agora nun club de Valencia.
O financiamiento da institución e os gastos que xeran os desprazamentos e outra das realidades coas que batallan. Unha realidade que actualmente conta coa axuda da Deputación, a Xunta e o Concello pobrense.
Futuro garantido
«Empecei no atletismo cando tiña cinco anos pero ata os oito non me federei, xa que esa é a idade mínima», conta Abelardo, fillo e compañeiro do seu pai na asociación deportiva. O mesmo Abelardo relata que o que máis lle gusta da súa profesión é «buscar resultados e superar as metas fixadas, ademais de viaxar, algo que neste deporte se fai moito».