O ribeirense Alejandro Llovo vén de publicar o libro «Noite de entroido», baseado en relatos populares
30 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.As lendas e os contos gústanlles a todo o mundo. E se están escritas con calidade e desde o cariño, aínda máis. De relatos populares, neses nos que non se distingue que parte é certa e cal é ficticia, vai o libro do ribeirense Alejandro Llovo. A súa obra titúlase Noite de entroido, e trátase dunha novela composta por relatos curtos, que teñen como nexo de unión a mirada dun neno. Un cativo que podería ser calquera galego, en calquera pobo de Galicia, que asiste a unha reunión nocturna con familiares ou veciños, nesas nas que se contan moitas historias.
A presentación oficial do libro foi a finais de febreiro en Santiago, pero Llovo quixo facer unha segunda en Ribeira, por ser esta a súa vila natal. Foi no Ateneo Valle-Inclán, onde estivo acompañado e presentado por Santiago Páramo, Josefa Otero, Luis Teira, Genaro Gutiérrez, Antonio Lijó e moitos familiares, amigos e amantes da literatura que quixeron arroupar a este veciño no seu debut como escritor, aínda que el non se define como tal: «Non son escritor, son veterinario, o que pasa é que as miñas grandes paixóns son os animais, a medicina e contar e escoitar aventuras».
Escribe por afección desde hai moitos anos e ten colaborado en varias revistas. O libro que vén de sacar á luz, concretamente, comezouno a escribir hai tempo, sen pensar en divulgalo, pero a medida que llo deixaba a familiares e amigos para ler, todos o animaban a publicalo, así que se decidiu a presentalo en varias editoriais e probar sorte. E foi así como viu a luz en Toxosoutos.
Inspiración
A inspiración para a súa novela venlle da súa propia experiencia persoal. O que reflexa o libro é ese afán galego por contar historias, nas que se mestura a fantasía e a realidade, o misterio e o medo, o mundo terreal e o dos espíritos. «Algún dos contos están baseados nos que me contaban meu pai, meu avó ou meus tíos, e outra parte é inventada por min», continúa Llovo. A portada do libro, por exemplo, que amosa uns nichos abertos, fai referencia a tres aventuras, unha delas que lle contaron de neno, outra que viviu el mesmo cun grupo de amigos e outra inventada por el.
Alejandro Llovo está gratamente sorprendido pola boa acollida que está tendo este libro, e pola elevada asistencia ao acto de presentación. «Había moita xente, levei corenta libros e vendéronse todos alí», relata o escritor. O título tamén agocha unha tinguidura de misterio, e o seu significado non se desvela ata que se remata o libro. Por iso Llovo non explica a que fai referencia, para manter a curiosidade do lector e fomentar aínda máis ganas de lelo. Outro misterio máis para descubrir e gozar con este libro.