Oportunidades para todos

BARBANZA

Doce persoas con discapacidades físicas comezaron en Boiro un curso de informática para atopar traballo

18 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A crise no mercado laboral sófrena especialmente aquelas persoas con algún tipo de discapacidade. Para eles, máis que para calquera outro, é máis necesaria a reciclaxe e a formación continua. Tendo en conta isto, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) organizou un curso de informática básica para persoas con discapacidades físicas, que comezou onte en Boiro e se prolongará ata o 10 de xuño.

Esta é a primeira vez que se leva a cabo unha iniciativa deste tipo na comarca, segundo explica o coordinador do servizo de intermediación laboral de Cogami, Francisco Abuín. «Había unha gran demanda deste tipo de cursos, tanto por parte dos propios traballadores como do empresariado», explica Abuín. De feito, son doce persoas as que se inscribiron en Barbanza, pero había máis xente interesada que non puido asistir por incompatibilidade co horario.

O realmente interesante deste curso é o seu carácter práctico e personalizado. O obxectivo é favorecer a integración laboral dos asistentes. «Trátase, en moitos casos, de persoas que perderon o seu emprego, algúns deles traballadores da construción, que non tiveron ocasión de formarse na informática, e agora este é un requisito indispensable para moitos empregos», comenta Abuín.

No curso participan persoas con distintos tipos de discapacidade física, desde xente con mobilidade reducida ata outros que teñen recoñecida unha minusvalía laboral. Son todos de entre 30 e 50 anos, sen ningún (ou apenas) coñecementos de informática. A profesora Soledad Lago encárgase de ensinar distintos contidos sobre novas tecnoloxías, como o sistema operativo, procesador de textos, folla de cálculo, Internet ou mecawin.

Elevada inserción laboral

Desde Cogami consideran que o acceso ao mercado laboral é un dos aspectos primordiais na busca da integración social das persoas con discapacidade. Para iso, antes de organizar os cursos analizan con detalle as ofertas do mercado laboral e as demandas dos que buscan emprego. E son moitos os que solicitan este tipo de iniciativas. «No 2009 fixemos 39 cursos en Galicia, nos que participaron 492 persoas. Un 33% delas, a finais de xaneiro pasado, lograra un traballo tras rematar o curso», di Abuín.