Os estudosos da arqueoloxía e outras investigacións din que o sistema numérico que usamos provén da India e que chegou a nós polos árabes. A verdade é que eu son moi propenso ás estatísticas e á análise do razoamento baseada nos números, o que tamén vou facer nesta ocasión para encher esta ventá con algúns temas que, ademais de ser de preocupada actualidade, deberían selo de futuro e, para iso, boto man do BOE, ese sitio onde se publican as leis. Olleo as contas do Estado para 2010. Interesantes.
Para que nos decatemos da gravidade da situación española pensemos que as pensións supoñen case a terceira parte dos cartos que se gastan neste país e que o desemprego custa máis do dobre do que se prevé investir en autoestradas, AVE e demais infraestruturas, polo que entendín e aplaudín que o presidente ZP puxera o problema enriba da mesa do debate, xa que o noso sistema de pensións cae en picado. Critico que o quitara.
Fai 110 anos que se creou en España o primeiro seguro social e, dende entón, ademais de chover, tamén se fixeron moitas leis e se tomaron moitas decisións para tranquilizar as inquedanzas dunha sociedade cada vez máis industrial e menos agraria. Cousa distinta é se hai que variar o modelo vixente ou se pode manter. Baixo o meu criterio non se pode manter, pero ¿quén lle pon o axóuxere a un gato tan sensible?. Nisto, tanto os do PSOE coma os do PP, poñen o dedo como fixo Aznar na Universidade de Oviedo.
Pero non debemos esquecer que o mantemento dos sistemas de sanidade, pensións, educación, etc., depende do emprego e da produtividade e, a pesares de que este grave problema ten arranxo, outra vez nos topamos co corte de mangas do ex presidente. ¿Quén é o valente que expón, entre outras medidas aínda máis duras, un aumento da xornada laboral, por exemplo?.
Fai uns días este xornal palpaba a opinión dos tres dirixentes sindicais desta bisbarra sobre o Plan E e quédome coa de Xosé Lamela: «Non se usa o diñeiro para actividades de futuro». Efectivamente, os concellos, igual que o goberno central, viven na miopía do presente e no curtoplacismo. Porque a clase política pensa así, as pensións do futuro perigan.