O «Deuteronomio»

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

09 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tiña certa curiosidade polo discurso do presidente Rodríguez Zapatero nese almorzo nacional de oración, un acontecemento que, de tratarse de calquera outro país que non fosen os EE.?UU., non tería máis extensión que cada unha das reseñas que esta edición de Barbanza dedica na sección Minutos, pero teño que dicir que da súa lectura saquei algunhas conclusións interesantes.

Unha delas é que para exercer de político debería esixirse unha determinada titulación académica que acreditara coñecementos específicos para exercer tal profesión, reflectindo as notas acadadas de aprobado, notable, sobresaínte ou matrícula de honra, concretamente na materia de ética. Dese xeito non nos toparíamos coa torticeira alegoría que o presidente fixo do Deuteronomio , xa que no libro de leis que Moisés escribiu antes de morrer, non se fala da explotación de xornaleiros asalariados, senón dos combatentes mercenarios que ata a Convención de Xenebra considera excluídos das leis de guerra.

Claro está que ZP precisa de razoamentos para xustificar a inxustificable política inmigratoria co seu plan de regularización masiva, decisión moi criticada na UE, un problema moi perigoso no que Norteamérica, moi pola contra do que dixo o noso presidente alí, si adoptou e adopta severas decisións de control dende a segunda guerra mundial coa coñecida green card , un permiso de residencia suxeito a ter un traballo e non depender da Welfare State, asistencia social estatal, como se está a facer aquí sen control, poñendo en perigo os nosos sistemas de educación, pensións e sanidade. ¿Sóanlle as listas de espera no hospital do Barbanza? ¡Pois o que nos ven enriba!.

Os movementos migratorios son un valor positivo por si mesmos, sempre que estean adecuadamente xestionados, e o Concello ribeirense fai moi ben en dedicarlle atención, pero non debemos esquecer que iniciativas coma a do de Vic (Barcelona) e outros non xorden por capricho. ¡Ollo!.

Por certo, a relixión maioritaria no territorio español non é o cristianismo, que diría o meu veciño Timoteo, senón o catolicismo, un matiz moi importante cara as aspiracións de que a festa do Nazareno pobrense consiga a declaración de interese turístico nacional.