Doce despedida do Nadal

BARBANZA

Os cativos foron os protagonistas da xornada de Reis, na que os tradicionais roscóns tiveron gran éxito

07 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As festas de Nadal tiveron na bisbarra unha doce despedida. Despois da emoción infantil e, incluso adulta, de contemplar o desfile das cabalgatas, os rapaces espertáronse onte coa ilusión de abrir os regalos que Gaspar, Melchor e Baltasar lles deixaran. A fría xornada festiva impediu que os cativos puideran lucir nas rúas os seus novos xoguetes. Sen embargo, no calor dos fogares puideron entreterse todo o que quixeron sen temor á choiva nin ás baixas temperaturas.

Deste xeito, os pequenos apuran as últimas xornadas de lecer antes de retomar a actividade lectiva e aproveitaron para sacar o máximo rendemento aos seus novos divertimentos antes de ter que compaxinalos cos libros de texto e de ter que agardar a facer os deberes para gozar do xogo.

As reunións familiares e as caras de asombro dos rapaces ao abrir os seus paquetes constituíron as imaxes dun día moi especial

Sorpresa agachada

Outro dos grandes protagonistas do día foi o roscón de Reis, que estivo presente en numerosos fogares. Dende o luns, nas panaderías e tendas de alimentación comezaron a proliferar variedades deste doce que goza dunha forte implantación na comarca.

Como manda a tradición, unha coroa preside este doce típico que ten, ademais, o atractivo de conter no seu interior dúas sorpresas.

Aínda que moitas persoas fan reservan deste pastel con antelación e, incluso, en moitas casas se compra a véspera de Reis, onte as panaderías enchéronse de xente que acudiu para poñer nas súas mesas o doce co que se rende tributo ás Súas Maxestades de Oriente.

Había gran variedade para escoller. Para os máis golosos, os profesionais prepararon roscóns recheos de nata ou chocolate. Iso si, todos eles adornados con diversas froitas e cunha gran manta de azucre.

O éxito deste produto fixo que as pastelerías se encheran de clientes desexosos de comprar un doce e probar a atopar no seu interior algunha das diminutas sorpresas que agachan os pasteleiros. Pola tarde, en moitos establecementos da bisbarra resultaba imposible atopar xa un destes pasteis. Outro ano será.