Callón é un torrente de palabras. Usa o verbo para defender a lingua, pero tamén o faría sen estar ocupando a presidencia da Mesa, segundo afirma. A fala, para Carlos, é máis que un discurso. Forma parte do seu ideario e expresa as súas opinións con tranquilidade e soltura, aspectos estes que fan que gañe en credibilidade.
-¿Que significado ten para vostede o uso do galego?
-A lingua galega é un elemento de unión, tanto cos que estamos agora como cos do pasado e do futuro. Ten unha dimensión persoal, ¿por que non se utiliza nas clases dominantes, na escola, no médico? Como galegos non temos defectos de fábrica que nos impidan ser mellores que outros que falen outras linguas. Non tivemos burguesía, nin fidalguía, nin clero que defendera o noso idioma. Non obstante, estamos aquí. Coa forza do pobo máis humilde seguimos adiante. Manuel Rivas di que o ADN da cultura galega é a resistencia. Podemos así falar da última manifestación a favor da lingua, que foi a terceira máis grande da historia de Galicia. Acudiu moita xente que non fala galego, pero que quere que os seus fillos ou os seus netos o fagan. -¿Lémbrase de cando leu o seu primeiro libro en galego? -Si, O cabaliño de buxo , de Neira Vilas, en quinto da EXB. Antes xa tiña lido a Julio Verne, pero a miña introdución á lingua foi cunha obra infantil. A explicación a isto é que ao galego se lle daba un enfoque de lingua secundaria no ensino. -¿Cantas linguas fala? -Galego, español, portugués, catalán e o inglés o entendo mellor de que o falo. -¿Que autores le? -A Xabier Docampo, Rafael Dieste e Castelao os lembro con moito pracer. Lémbrome, pois, de O misterio das badaladas , dos Arquivos do trasno e de Retrincos . -Agora mesmo por onde vai no tocante a materias? -Acumulo libros na mesa de noite. Nas épocas de traballo, boto man de asuntos de sociolingüística. Nas de descanso, máis de ficción. -¿E pódense coñecer as afeccións do presidente da Mesa? -Ler dentro do posible. Ir ao cinema. Investigar sobre literatura medieval e sempre me fago o compromiso de ir máis a natación.