Con motivo do sesenta aniversario, o colexio O Grupo foi escenario dunha charla sobre as escolas dos anos 50
12 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Hai xa varios meses que o colexio ribeirense O Grupo puxo en marcha unha serie de actividades co fin de conmemorar o sesenta aniversario da súa entrada en funcionamento. No marco deste programa, na tarde do xoves desenvolveuse unha conferencia sobre a educación en Ribeira nos anos cincuenta. A sesión puxo de manifesto o gran cambio que experimentou o ensino no último medio século.
Unhas sesenta persoas déronse cita no conservatorio municipal para escoitar as reflexións de José María Pérez Lustres, Chenel , un hostaleiro xubilado con moitos coñecementos sobre a historia do territorio ribeirense; e José Antonio Otero Sobrido, o arquiveiro municipal. Os dous estiveron arroupados polo director do Grupo, Anxo Corbelle.
O cometido de Chenel consistiu, basicamente, en refrescar a memoria dos avós que se atopaban entre o auditorio e en ilustrar aos máis novos dos cambios, tanto negativos como positivos, que experimentou o ensino. Entre estes últimos, destacou o que tivo lugar a nivel pedagóxico, xa que antes os castigos estaban á orde do día.
Chenel incluso falou dun mestre que chegou a ser moi coñecido en Ribeira, Manuel Roxo, precisamente por empregar métodos que hoxe en día, por fortuna, están desfasados.
Fotos antigas
Pérez Lustres apoiou as explicacións coa proxección dunha serie de imaxes das escolas existentes en Ribeira naquela época. Había, sen lugar a dúbidas, moitos máis centros de ensino que hoxe en día, pero tratábase de pequenas aulas distribuídas por todo o municipio. Ademais, a maior parte eran privados. Parouse, por exemplo, ao chegar ao colexio de Padín, dirixido por monxas, debaixo do cal estaba o antigo García Bayón.
Pola súa banda, Otero Sobrido amosou unha serie de documentos custodiados no rexistro municipal, coma os correspondentes aos nomeamentos ou ceses de mestre históricos. Cabe destacar que, en aqueles anos, os colexios dependían directamente dos concellos. Tamén amosou unha circular de finais dos anos trinta, mediante a que se esixía que os centros de ensino exhibiran a bandeira bicolor e o retrato de Franco.
No futuro, O Grupo ten previsto publicar diverso material sobre os seus 60 anos de traxectoria.