O Concello de Boiro presentou onte as actividades que se van desenvolver no novo curso da aula de adultos
02 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Fomentar a participación da xente maior nas actividades culturais e sociais do municipio e lograr manter a mente esperta formándose en novas disciplinas ou consolidando os coñecemos xa adquiridos son os principais obxectivos que persegue a aula de educación de adultos que cada ano pon en marcha o Concello de Boiro. Onte, o alcalde, Xosé Deira, os concelleiros de Cultura, Educación e Asuntos Sociais e a técnico encargada da iniciativa, Lorena Romero, presentaron as actividades que se levarán a cabo no novo curso.
Segundo explicou o edil de Educación, Mariano Muñiz, os contidos da aula de adultos seguirán a mesma liña que en anos anteriores e abordarán dende a actividades de alfabetización, lectura, cálculo, ou memoria ata a formación musical ou a introdución dos alumnos nas novas tecnoloxías.
Polo momento, comezarán quince novos alumnos que nunca asistiron ás clases programadas polo Concello, que se sumarán aos que xa se animaron a participar en cursos anteriores.
En canto á finalidade da iniciativa, Muñiz recalcou que, sobre todo, o que se busca é que as persoas maiores de 50 anos -colectivo ao que están dirixidas as actividades- saian da rutina e participen nas actividades culturais que se organicen, «que non sexan meras receptoras de información e coñecemento».
Neste sentido, dende o goberno boirense subliñaron a elevada participación dos alumnos desta aula en todo tipo de iniciativas, desde actuar como extras en curtametraxes ata ser locutores nun programa da radio municipal ou elaborar unha revista ao longo do curso.
Novidades
En canto ás diferenzas da aula de adultos con respecto a anteriores edicións, destacan dous proxectos que se intentarán levar a cabo este ano: un intercambio dos alumnos con estudantes dos institutos de Boiro e outra experiencia con Brasil a través de videoconferencia. Este último estase a xestionar por medio dunha das participantes no programa de educación para maiores que se atopa no país carioca visitando a unha irmá e está aínda por confirmar.
Ademais, se hai demanda suficiente, poranse en marcha dous novos grupos da aula en Lampón e Cabo de Cruz que virán a sumarse aos que funcionan en Boiro, Bealo, Macenda, Abanqueiro e Cures.