Cando un acaba un artigo do xénero comentarios, en canto que o relee, xa impreso, sempre acaba dubidando. ¿Sentaralles ben ou mal? Nunca se queda un seguro de que o escrito acabado se corresponda co resultado, aos efectos, do buscado polo impulso orixinario que motivou o traballo. Volve un, entón, a lelo e un pensa: «Inmellorable». E inquire, porque sempre hai alguén que está ao lado: «¿Que é o que che parece a ti?».
O que é a min, paréceme que está logrado, sempre e cando vexo nel que existe correspondencia entre o obxecto real que se quere comentar e o reflexo do mesmo, en perspectiva distinta, mais superado, con creces, no comentario. En canto á formalidade escrita, polo común, nada teño que obxectarlle, pois dentro do mesmo estilo, este segue a mesmo canle. Visto, ao transcorrer de un, como marchan as correntes, en ningún dos que lle seguen se observa outra diferente; se algo cambia neles, só cambian polos contidos, é dicir, que, se se observan contrastes, tan só se poden captar pola sustancia que arrastran, só nisto son diferentes. Pero, en canto que se observen polas augas que arrastran tales correntes, sen percibir as substancias, parecen todos iguais. Isto é o que me parece. E douno por acabado. Non sen antes reclamar, non obstante: «Aí vai outro Protágoras, a gozalo».
Do que lle pareza a outros... Depende do que outros digan. Non recordo onde sería, polas follas de Barbanza, que lin que un lle reprochaba ao outro que escribise para el mesmo. Foi tanto como dicirlle que se escribía a si mesmo, para lerse. Pero é que eu, en xeral e normalmente, escribo para os demais. Para que lean, se queren, aínda que lles soe mal.
Isto que estou escribindo, polo contido, mais que un escrito dos meus é o contraste que che ofrezo, lector, para que sirva de proba e que poidas comparar o que agora estou dicindo co que normalmente escribo, sobre o que din os demais. Verás para quen escribo eu, moi ao marxe do que digan. Pois buscando o recalcar que isto que digo é así, é así, lector, que sigo, para acabar. Se é que algunha vez me atopas entre nubes de palabras, non penses, lector, que son deses que viven das fantasías no aire. Eu mesmo podo explicarche o que pasa: Ás veces, como calquera, eu tamén son un paxaro que busca a vida voando, pero é por isto que, en tanto que buscavidas, procuro apartar dos aires do pretérito impreciso e dos futuros difusos. Como é que tamén procuro, sempre que levanto o voo, non facerlle sombra aos de abaixo, non tanto porque non conte coas ás propias da aguia imperial, que Deus non mas quixo dar, senón porque sei dabondo que todo nace da terra, se é que escusamos o mar, e todo acaba no chan.
Dito isto, volvo á nosa realidade de Barbanza para volver a buscar, aínda que sempre de lonxe, como acostumo a mirar; sempre a través deste cristal, que me apaña, do Miradoiro Virtual. Para dar vida ao de hoxe, busco algo que comentar.
E aquí está. Se ben son dúas noticias, tómoas como unha soa. Non teño en conta o que din, senón a intención que encerran e, máis que nada, o impulso que me movería a escribir, se o fixera sobre elas, e do que elas me din: «Se vas falar hoxe dun dos temas recorrentes, como é que che ocorre sempre que non tes outro acordado, o teu será sempre este: o de Sísifo arrastrando a mesma pedra».
Escoito a este meu trasno e case estou por seguilo. Pero é que tamén me advirte que se me acabou o espazo, e xa sei, da miña parte, que nunca me foi doado darlle a vida, nunha liña, a un comentario, para que naza apertado e, de seguida, xa na seguinte, matalo. Mellor é deixar que respire libre ata semana que ven.