Última parada do «Nieves»

BARBANZA

A exposición itinerante «Golfiños na proa» arribou a Escarabote, onde pon fin á súa singradura pola comarca

12 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Con máis de 90 anos ás súas costas, o veleiro tradicional Nieves leva percorridos moitos quilómetros por toda a costa galega levando a distintos portos a exposición Golfiños na proa . Un traxecto que o levou a distintas localidades da comarca coma Portosín, Muros, Ribeira ou Escarabote, a onde chegou onte e onde porá o punto e final ao seu periplo por augas barbancesas.

Un bo número de rapaces visitaron na mañá de onte unha exposición que, por unha banda, dá a coñecer a estrutura de embarcacións tradicionais coma o Nieves e, por outro lado, invita á reflexión sobre os efectos que a acción humana está a ter sobre a conservación dos cetáceos. Con eles, realizaron o percorrido polas dependencias do veleiro autoridades locais coma o alcalde, Xosé Deira, e a concelleira Dores Torrado. Na chegada a Escarabote do barco estivo tamén a deputada provincial Rosana Pérez, posto que é a Deputación a que patrocina a viaxe de Nieves .

Contido

A xulgar polo visto onte no porto de Escarabote, Golfiños na proa resulta igual de interesante a cativos e maiores. Una bióloga é a encargada de guiar aos visitantes por las instalacións, explicándolle os paneis que compoñen a exposición e mostrándolles restos de cetáceos, tanto ósos e vértebras de baleas e golfiños coma algunha cría conservada en formol.

A finalidade da exposición é dar a coñecer a vida dos mamíferos mariños e como lles está a afectar a acción do ser humano. Explícase, a través de paneis ou dos comentarios da bióloga, a acción da contaminación, a pesca masiva ou a presenza de plásticos nos océanos, e trátase de concienciar a quen visite a mostra da necesidade de conservar a riqueza e diversidade dos mares.

Por outro lado, o veleiro Nieves xoga un papel fundamental na exposición, posto que, ademais de ser o soporte no que viaxa Golfiños na proa , é un elemento máis desta iniciativa cultural e medioambiental. O barco é tamén obxecto das explicacións da guía e serve para conectar o presente co pasado e a tradición mariñeira de Galicia.

E todo isto a través de paneis explicativos, restos de cetáceos e un vídeo didáctico co que se pretende que a xente tome conciencia da necesidade de preservar o medio ambiente e o medio mariño.