Esta familia está a piques de celebrar o cincuenta aniversario da fundación da panadería que rexenta na parroquia lousamiana de Fruíme
08 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A familia Ourille pódese dicir que está chea de emprendedores, pois no último medio século xa puxeron en marcha catro negocios.
Todo comezou arredor dos anos sesenta, cando o matrimonio formado por Delfina e José decidiron pechar a serraría que tiña o pai de Delfina en Lousame. Tras vender as propiedades, decidiron montar un criadeiro de patos, que veu a luz na parroquia lousamiana de Fruíme, no lugar de Ardeleiros.
Pero o destino quixo que aquel negocio non fora suficientemente produtivo. Así, en lugar de achicarse, a familia Ourille cavilou e buscoulle unha nova utilidade ás instalacións nas que estaba a granxa. E así foi como naceu a panadería M. Ourille.
Segundo conta Delfina, os comezos foron moi duros. Naquela época, ademais de non ter electricidade na panadería -traballaban á luz do carburo- Lousame tampouco gozaba de pistas, o que complicaba o reparto do pan.
«Repartíamos o pan por toda a parroquia de Fruíme e andabamos arredor de 20 quilómetros ao día, entre ida e volta» conta Delfina. Minutos despois, esta muller apunta que daquela non había coches e tiñan que levar o pan en cestas colocadas na cabeza, ou ben, nunhas alforxas que lle poñían ao burro.
Outra das cousas que recorda especialmente Delfina era a gran cantidade de lobos que había polos montes da zona, así coma o medo que lles tiña cando se atopaba con eles.
Co paso dos anos, o negocio foi prosperando e tamén foi chegando a mecanización.
O relevo
Ao pouco de mercar a primeira amasadora, o que xa aliviaba bastante o traballo, o home de Delfina faleceu. Foi nese intre cando o seu fillo, Manuel, se meteu de cheo no negocio fundado polos seus proxenitores.
«Cando eu collín a panadería, no ano 83, mecanicei todo e cambieime de edificio. Merquei un forno moderno e máis amasadoras e aumentamos a produción», di Manuel, que a día de hoxe elabora diariamente uns 500 quilos de pan e empanadas, que logo reparte por Lousame, Rianxo e Boiro.
A pesar de que mamou este negocio dende pequeno, pois como el di durmía debaixo da artesa, Manuel recoñece que a panadería lle dá moitas satisfaccións e tamén moitos quebradeiros. Recorda especialmente un.
«Un día cheguei a unha tenda á que levaba o pan e estábanme esperando todos os clientes. Empezáronme a berrar. Resulta que o pan, unhas horas despois de sacalo do forno comezaba a podrecer por dentro. Eu non sabía onde meterme, porque seguía o mesmo proceso de elaboración que sempre. Ao final descubriuse que o problema estaba relacionado cun virus que entraba en acción a partir dos cen grados».
A panadería quedábaselle pequena, Manuel, xunto coa súa muller, restaurou a casa onde estaba o primitivo forno e destinouna a turismo rural. En 1998 abriu as portas a Casa do Xan, en Ardeleiros. A cousa non quedou aí, xa que hai un ano expandiu o negocio coa posta en marcha de Casas Alexandre en Valga.