Estudantes boirenses aprenderon da man do ilustrador Anxo Fariña os segredos para dar forma a unha historia
06 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O proceso creativo para concibir e dar forma a grandes historias de aventuras deixou de ser un misterio para un bo grupo de estudantes boirenses. Alumnos de segundo de ESO dos institutos de A Cachada e Praia Barraña participaron nunha campaña de promoción da lectura e normalización lingüística que trouxo ata a casa de cultura Ramón Martínez López ao escritor e ilustrador Anxo Fariña. Foi el o encargado de introducir aos mozos de Boiro nun mundo de fantasía e imaxinación que os pode levar nun futuro a converterse en grandes creadores da literatura galega.
Pero iso é o de menos. O que se pretendía con esta campaña era espertar o interese dos rapaces pola lectura. E Anxo Fariña conseguiuno facéndoos partícipes do proceso creativo que o levou a dar forma a Os megatoxos e a espada esmeralda .
O volume pertence a unha colección da editorial A Nosa Terra, que promove esta campaña xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e conta os avatares dun grupo de mozos de 13 e 14 anos con poderes sobrenaturais.
Partindo desta base, Fariña implicou aos rapaces nunha charla-coloquio coas súas explicacións sobre como naceu a idea para o libro.
Todo o proceso
Ademais de comentar a base da que partiu a historia, o ilustrador afondou en toda a evolución que seguiu ata que o relato adquiriu a súa forma definitiva.
Para iso, ademais da palabra, empregou ferramentas coma os debuxos en directo, explicando os procesos mentais da creatividade, e as tecnoloxías coas que traballa para elaborar as súas ilustracións. Deste xeito, foille dando aos rapaces as claves básicas a seguir por todo creador, tanto para dar forma ao relato como para construír os personaxes.
Traballos propios
Con estas pistas, os participantes na sesión celebrada na casa de cultura deberían ser capaces de crear as súas propias historias e de dotalas de todos os elemento precisos para que estean completas. E que o fagan ademais partindo de ideas sinxelas e inspirándose na realidade cotiá.
E como colofón á actividade os rapaces levaron para o instituto algunhas ilustracións orixinais de Anxo Fariña e cadanseu libro da colección Os megatoxos de regalo.