Posta en valor dos camiños

BARBANZA

O Faiado prepara unha publicación sobre as vías tradicionais que se conservan na comarca barbancesa

14 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A oitava edición das xornadas sobre patrimonio etnográfico no Barbanza que o pasado sábado se desenvolveron na Pobra servíronlle á asociación O Faiado para poñer en común o traballo realizado ao longo dos últimos meses, nos que se fixo unha investigación sobre as calzadas tradicionais que se conservan en Boiro. O obxectivo é estender o estudo a toda a comarca e elaborar unha publicación.

A presidenta da entidade, Luisa Otero, aproveitou a presenza dunhas setenta persoas no auditorio do Museo Valle-Inclán para facer balance do traballo de campo que se fixo e que permitiu constatar o estado do camiño que vai á praia de Pena Romana, en Ferreirós; e das calzadas de Vitres, Enseño, Teaño, Runs, Cubelo, Brión, Pá e Nova. Tamén se estudou unha vía de Palmeira, a que vai desde Río Azor ata Moldes, pasando por Mourelos. Nas conferencias tamén interveu o director do museo pobrense, Antonio González Millán, quen se referiu aos vestixios da aculturación romana en Barbanza, destacando a lápida que se conserva en Queiruga, onde houbo un asentamento moi importante.

Outros relatores

Pola súa banda, o arqueólogo Xurxo Ayán referiuse á estruturación dos territorios a partires do trazado das calzadas. Nas xornadas tamén participou Carlos Nárdiz, decano do Colexio de Enxeñería de Galicia, que se brindou a repetir a visita.

É que, segundo explicou Luisa Otero, a xuntanza do sábado foi só o punto de partida dun proxecto máis ambicioso: «Do que se trata agora é de facer reunións con outras asociacións interesadas en traballar neste tema para que investiguen nas súas zonas e ir recompilando material ata febreiro». Esta é a data que O Faiado se marca como límite para ter a información e as fotografías precisas: «Pretendemos contar con colaboradores que nos acheguen imaxes e incluso lendas sobre as vellas calzadas». Luisa Otero apuntou que o obxectivo da asociación etnográfica é, por unha banda, concienciar aos veciños, sobre todo aos nenos, da importancia que tiñan os camiños e poñelos en valor, sobre todo a nivel turístico. Aínda que sabe que é difícil, a presidenta do Faiado tamén pretende implicar ás Administracións na conservación dos restos das calzadas que aínda existen na zona.