Boiro a través do obxectivo

BARBANZA

Dezasete socios de Olláparo amosan a través de fotos a súa visión sobre a cultura e o turismo do municipio

13 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi coincidindo coas festas de verán de Boiro cando Olláparo sacou á luz un libro no que recompilaba unha serie de fotografías sobre o municipio. Esas imaxes, e outras realizadas por socios que se incorporaron á entidade, conforman a exposición que o pasado venres se abriu ao público no centro social da localidade, onde ocupará as paredes da sala de novos creadores ata fin de mes.

A maior parte das instantáneas son o reflexo dos principais recursos turísticos que ten o municipio, como a serra, a ría de Arousa as súas bateas, a desembocadura do río Coroño, a fervenza de Cadarnoxo, os castros de Neixón ou o peirao de Cabo de Cruz. Pero nesta colección tamén teñen cabida aspectos culturais e incluso algunha que outra imaxe sobre a natureza.

O presidente de Olláparo, Martín Casanova, destacou que a importancia desta colección recae en que se trata dun «conxunto de imaxes que reflicten os atractivos que ten Boiro». Do mesmo xeito, explicou que tamén se trata dunha especie de posta en común do traballo feito ao longo do último ano polos socios da entidade.

Terceira mostra

No acto de inauguración, Casanova e o resto de fotógrafos de Olláparo estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Gerardo Piñeiro, e por varios veciños. Esta é a terceira exposición que a asociación boirense promove para dar a coñecer o traballo dos seus membros. A maiores, no seu ano e medio de vida, a entidade levou a cabo un par de experiencias similares ao aire libre, unha coincidindo coa Mostra das Culturas e outra, coa romaría de San Ramón de Bealo.

Ao longo deste tempo, Olláparo tamén estivo inmersa en actividades de outro tipo, como obradoiros formativos. De feito, promoveu un seminario de fotografía en movemento e un de técnicas básicas de iniciación a este mundo, entre outros.

Aínda que de momento está na fase inicial do proxecto, a asociación xa está a traballar nunha nova iniciativa: unha exposición de carácter etnográfico. A idea é que os membros de Olláparo capten a través dos obxectivos das súas cámaras a artesáns de Barbanza, como ferreiros ou cesteiros. A intención é perpetuar este tipo de profesións e poñelas en valor, dándoas a coñecer a través unha mostra aberta ao público.