A obra de Valle, en imaxes

BARBANZA

Na casa de cultura da Pobra pode verse unha selección dos debuxos que ilustran os libros do autor arousán

10 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Poñía moito empeño á hora de escribir os textos, pero Ramón María del Valle-Inclán tamén se afanaba en dar instrucións precisas para que se ilustraran con debuxos e caricaturas que servisen de complemento aos relatos e que tiveran tamén unha función explicativa. El era consciente de que unha imaxe vale máis que mil palabras. Así o dixo o xoves o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, na inauguración dunha exposición conformada por unha selección das estampas de algunhas das obras do autor arousán.

Coa apertura desta mostra, que lle foi cedida temporalmente ao museo pola Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Margarita Santos Zas, arrancaron as xornadas de homenaxe ao creador do esperpento, que se prolongarán ata vindeiro día 31. Tamén será ata esta data ata a que permanecerá aberta a exposición na casa de cultura Raquel Fernández Soler.

Na inauguración, Antonio González estivo acompañado polo alcalde, Isaac Maceiras, e polos concelleiros, Encarna González, Suso Dieste e Rosana Pérez. O director do museo animou a todos os veciños a acudir á casa de cultura, destacando que se trata de un conxunto de ilustracións moi amenas, algunhas das cales similares aos cómics actuais.

Obra de luxo

Do contido da exposición, González Millán destacou os debuxos, gravados e ilustracións que forman parte de Voces de gesta , un libro editado no 1912. Explicou que, nesta ocasión, Valle-Inclán fixo uso das estampas para converter a obra nun artigo artístico e de luxo. Por iso, rodeouse dos mellores ilustradores da época, como Julio Romero de Torres, Rafael de Penados, Mollá del Pino e Vivanco.

Ao longo da súa intervención, Antonio González referiuse tamén a outro conxunto de debuxos, os que serviron para ilustrar a edición de bolsillo de Divinas palabras , a historia ambientada na Pobra. Sinalou que se trata de estampas de carácter galeguista e moderno, feitas por Merlo.

En contraposición, o director do museo falou dos debuxos refinados do relato curto Mi hermana Antonia , neste caso unha historia que se desenvolve en Santiago de Compostela. As ilustracións, realizadas por Mollá del Pino, teñen un estilo similar ás das revistas madrileñas da época.