A exposición do creador ribeirense rematou antes de tempo polos danos que sufriron as esculturas
24 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Homes de cal é o nome que puxeron á súa exposición nas rúas de Ribeira os irmáns Gonzalo e Fernando Sarasquete. Agora, dos devanditos homes só quedan uns buratos no chan como testemuña dos seus soportes. As tres estatuas foron retiradas o mércores, despois de ser vítimas de actos vandálicos nos que as romperon e as cubriron de pintadas, aínda que o seu autor, Gonzalo Sarasquete, foi quen de reparar algúns dos danos.
-¿Que lle parece o que pasou coas esculturas?
-A Dorna é así, pero un sempre ten a esperanza de que a xente vaia aprendendo. Se as volvesen romper, volveríaas arranxar. A educación é algo que non se pode deixar. Aínda que as rompan hai que seguir, seguir e seguir arranxándoas. Se te tiran ao chan teste que volver levantar.
-¿Xa se temía que puidese suceder algo así?
-Era un risco. Todo o mundo me preguntaba por que non as facía noutra época, pero agora é cando eu estou de vacacións, cando máis xente hai en Ribeira e cando se supón que non vai chover.
-¿Que lles diría aos que estragaron as estatuas?
-Non sei. Se os chego a pillar no momento igual os estrangulaba. Agora diríalles que aprendan, que houbo que quitar as estatuas das rúas e ninguén as pode disfrutar por culpa deles.
-¿Vanse tomar medidas para que non se repitan os incidentes?
-Vanse quitar as estatuas, e non sei se se van recolocar despois das festas. Algúns familiares dos retratados enfadáronse.
-¿Molestáronse porque romperon as figuras?
-Porque pequei de soberbio. Antes da exposición falei con todos os parentes que coñecía, pero esquecéronme dous, un de Claudio e outro de Xoseíño, e eles pedíronme que se retiraran das rúas. Eu fixen as esculturas con cariño, como homenaxe, non quería ofender a ninguén. Pido desculpas se o fixen.
-¿Opina que a exposición logrou o seu obxectivo?
-Era unha exposición temporal. En vez de durar 15 días durou unha semana, pero cumpriu o seu cometido de xogar coa memoria das persoas, de debuxarlles un sorriso cando lembrasen as historias destes personaxes. De todas maneiras a exposicións segue no blog www.riveira.net/barplaza/sarasquete.htm, onde se poden ver fotos das tres esculturas e facer comentarios que eu respostarei porque quero potenciar a relación entre escultor e público.
-¿Vaino pensar dúas veces antes de facer outra montaxe na rúa?
-Non, non teño que pensalo. Seguro que acabo facendo outra. A perseveranza é o mellor invento da raza humana.