Supersandwich ábrese paso

BARBANZA

O grupo nacido hai cinco anos, a medio camiño entre Boiro e Santiago, presenta este venres o primeiro disco

16 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Son moitos os grupos musicais que desde Barbanza tentan abrirse camiño no difícil mundo da música. Un deles, Supersandwich, ven de dar un paso decisivo para conseguilo: gravar un disco que este venres se dará a coñecer na Sala Capitol de Santiago.

Esta banda esencialmente funky naceu hai cinco anos a medio cabalo entre Boiro e Compostela. A localidade barbancesa é da que proceden a maioría dos seus integrantes, mentres que en Santiago foi onde se coñeceron e onde sentaron os alicerces do grupo.

Son unha ducia os músicos que integran Supersandwich: Samuel na voz, Gabriel coa guitarra, Pablo Barge co baixo, Dani Fuentes cos teclados, Carletis coa batería, Gus co Saxo, Toño Romero e Jorge Yorsh cos trombóns, Robertinho e Alberto Choco coas trompetas, Juan Fuentes coa percusión e Irene aos coros.

Trátase de músicos procedentes dos máis distintos eidos musicais, polo que precisaron un período de tempo importante para fraguar unha personalidade propia. De feito, aínda que a banda se enmarca no estilo funky , mestura sen problema a rumba, o rock, o hip hop e mesmo a música disco para ofrecer cancións frescas con divertidos títulos como Estás buenísima, Dame tu colilla ou El funky me excita .

Primeira maqueta

Supersandwich saltou ao panorama musical galego nos anos 2005 e 2006, coa gravación dunha maqueta con tres temas, da que conseguiu vender unhas dúas mil copias. Sen ter máis promoción que a imaxe que ofrecía nos seus directos, a banda boirense compartiu escenario con formacións da talla de Macaco, Fundación Tony Manero, Los Suaves ou A Compañía do Ruído, percorrendo diversos escenarios tanto de Galicia como do resto de España.

O feito de gañar o concurso Nsaio no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia, brindoulle a esta ducia de músicos a posibilidade de rexistrar o seu primeiro traballo discográfico, no que todos os temas son orixinais. Da súa produción encargouse Arturo Vaquero, creador do exitoso grupo Humanoides.

Supersandwich dará a coñecer este venres o seu primeiro disco cunha actuación que terá lugar na Sala Capitol de Santiago a partir das dez da noite. Ao día seguinte, a banda recalará en Lugo, concretamente na sala Superfly.