Comprometidos co medio

BARBANZA

Alumnos do Número Un estudan a problemática ambiental no marco do proxecto Climántica

08 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai xa un par de anos que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible puxo en marcha Climántica, un proxecto que pretende implicar a alumnos e profesores nos problemas que afectan ao medio ambiente. O instituto Número Un ribeirense adheriuse dende o primeiro momento á experiencia e fíxoo con tanta implicación que foi considerado centro piloto, o que lle serviu para ser o primeiro en dar cabida a unha exposición sobre o cambio climático que logo percorrerá toda Galicia.

Trátase dunha colección integrada por oito paneis, cada un deles correspondente a un capítulo da unidade didáctica coa que os estudantes estiveron a traballar ao longo dos últimos meses nas aulas. A exposición complétase cun cuestionario, que os alumnos responden a través dunha páxina web confeccionada para a ocasión.

O cambio climático é a primeira das etapas de Climántica, un proxecto que inclúe outros sete temas: a crise enerxética (que agora se está a analizar no Número Un), os residuos, o ciclo da auga, a biodiversidade, o territorio, o medio rural e o medio urbano.

Afán de sensibilizar

O director deste proxecto, Francisco Sóñora, que onte se achegou ao instituto ribeirense, explicou que o obxectivo principal de Climántica é artellar a educación ambiental, dándolle coherencia a través dun fío condutor: «Pretendemos desenvolver unha rede de educadores que acheguen ideas, co fin de lograr que os alumnos se comprometan e se sensibilicen, adquirindo máis protagonismo».

Sóñora comentou que son más de douscentos os centros educativos que de algún xeito están a participar neste proxecto, aínda que destacou a implicación que dende un principio amosou o Número Un: «Este instituto participou activamente dende o comezo, tanto na fase de formación do profesorado como na etapa educativa cara o alumnado». De feito, o instituto de Ribeira recibiu un premio o curso pasado pola súa complicidade coa experiencia.

Ademais de traballar o tema nas aulas, os alumnos de primeiro de bacharelato e de cuarto de diversidade curricular fixeron este ano un blog, ao que pode accederse a través da páxina web do centro educativo, que están continuamente actualizando con comentarios sobre o medio ambiente.