«O fundamental para gobernar un concello é definir os problemas»

J. M. Sande

BARBANZA

Co executivo galego inmerso na súa constitución, o mandatario agarda que se asente para comezar a expoñer as necesidades do municipio

28 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No ecuador do seu cuarto mandato e cunha crise galopante enriba que afecta a grandes empresas e pequenos concellos como o que el goberna dende 1995, o rexedor outiense, Carlos López Crespo, asegura que «o derroche de ilusión no 95 era máis forte e agora iso compénsase coa experiencia».

-Despois de tanto tempo, ¿nota algún efecto de erosión?

-Agora con menos forza logro mellores lanzamentos.

-¿Nunca tivo aspiracións máis alá da alcaldía?

-En 1999 fun promovido ao cargo de secretario xeral provincial do PP e estaba na Deputación de A Coruña, por delegación do entonces presidente, José Luis Torres Colomer, como responsable da área de Cultura e Deporte. Foi unha etapa moi bonita e moi intensa. Tiven ocasión de poder desempeñar funcións de maior rango na Administración galega e non me apeteceu. -Se tivera que facerse unha autocrítica, ¿en que ou sobre que aspectos a realizaría? -Eu teño uns compañeiros de grupo que son os máis críticos de todos. Son os amigos incómodos. Pode que neste sentido agora estea nunha etapa que, ao mellor, é de menor intensidade e iso sería a autocrítica, pero manteño unha cualidade, que é a de escoitar a todos os que me falan, aos veciños os primeiros. Son moi comunicativo e iso resólveme esa posible menor intensidade. O fundamental para gobernar un concello é definir os problemas. O segundo aspecto fundamental é deseñar as solucións aos problemas e, en terceiro lugar, obter a financiación para materializar esa solución. Eses son os tres estadios.

-¿Como foron as relacións co bipartito autonómico?

-Non tiveron o elemento facilitador de que sexan amigos na vida privada pero, salvo iso, sempre se nos escoitou coa racionalidade que debe imperar na vida política. Outes logrou importantes investimentos como o centro de día, unha rede de sumidoiros separativa, o arranxo da casa consistorial que xa se está levando a cabo. Conseguimos que se acordaran de nós e que nos escoitaran cando llo pedimos.

-Fala dos amigos, ¿cos gobernos anteriores do PP as cousas eran máis doadas?

-O goberno de Fraga tiña o aspecto de que a intensa vida do partido facía que houbese moitos encontros e, polo tanto, máis ocasións de expoñer problemas. O certo é que non me gusta o termo goberno amigo. Para nós, calquera goberno merece lealdade absoluta, aínda que cando son as eleccións queres que gane o teu partido.

-¿Xa solicitou entrevistarse con Feijoo?

-Cando remate o nomeamento de cargos, se segue así, mandareille unha carta para felicitalo. Creo que fixo un bo nomeamento do goberno e penso que está a facer unha renovación do partido con xente adaptada aos tempos actuais. Tamén lle pedirei unha entrevista, por suposto.

-Suponse que lle exporá algúns problemas, ¿cales?

-A mellora das comunicacións con Santiago de Compostela e das travesías urbanas na estrada Muros-Outes; así como a ampliación da autovía ata a ponte de Ceilán. Tamén reclamarei a aprobación do PXOM, que está na Xunta e quero tratar aspectos como o dos gandeiros, que atravesan por un momento moi delicado. En Valadares e San Orente hai explotacións que traballan con perdas. Producen un 50% máis caro que o ano pasado e, pola contra, venden o leite a un prezo inferior. Hai que buscar algunha solución a isto porque é un importante problema. No sector marisqueiro, hai que apoiar o criadeiro de bivalvos que practicamente está ultimado, e tamén hai que respaldar ás pequenas empresas, que son vitais.