Lección de física en paneis

BARBANZA

Unha exposición no Praia Barraña permite ver como funciona o acelerador de partículas e os seus usos

03 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A comunidade educativa do instituto Praia Barraña e todas as persoas que o desexen poden ter acceso a detallada información sobre a montaxe e o funcionamento do acelerador de partículas, así como a datos sobre os seus usos. Os interesados só teñen que pasarse polo centro, entre as 9.00 e as 14.00 horas. Alí estará, ata finais de mes, unha colección de paneis que foron elaborados por Dolores Pérez, do departamento de Física e Química, coa axuda de Miguel Saa, xefe da área de Orientación.

A mestra decidiu confeccionar esta exposición para compartir co resto da comunidade educativa a súa experiencia nun curso ao que acudiu no pasado mes de setembro na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). Este centro de investigación, un dos máis importantes do mundo, está situado na fronteira de Francia e Suíza e conta con vinte países membros, entre os que se atopa España.

Dolores Pérez e os outros 19 profesores galegos que acudiron ao seminario tiveron a oportunidade de escoitar de boca dos especialistas na materia os detalles sobre o gran proxecto no que está a traballar actualmente o CERN, que non é outro que o acelerador de partículas.

Importantes aplicacións

Desvelar a composición da materia escura e propiciar aplicacións a nivel médico son algúns dos obxectivos que se pretenden co acelerador de partículas. «Son temas de actualidade a nivel físico e químico, por iso consideramos dalos a coñecer a través dunha exposición aberta a toda a sociedade», explicou Pérez.

Para completar esta mostra, o instituto boirense convidou a un antigo alumno, Juan José Saborido, que precisamente está traballando na elaboración do acelerador de partículas. O físico estivo o venres no centro para falar da investigación que se está levando a cabo e que ten como obxectivo principal determinar que hai máis alá do núcleo do átomo.

Unha das afirmacións de Saborido que máis impactaron aos mozos do Praia Barraña foi a relativa a que nestes intres só se coñece o 4% da materia do universo, mentres que do 96% restante só se sabe que é materia escura. Os experimentos co acelerador de partículas pretenden recoller datos para entender que son estes compoñentes e descubrir así de que está formado o mundo.