Os fíos de Aradne

Xulio Gutiérrez Roger

BARBANZA

30 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aracne, como Ariadna, ocupa un lugar destacado na mitoloxía grecolatina pola súa habelencia como tecedora. Pero non tiña un estatus tan elevado como a fiandeira da vida dos mortais, e tivo a fatal ousadía de enfrontarse á mesma Minerva, deusa da sabedoría e da artesanía, nunha singular competición por ver quen bordaba o máis fermoso tapiz. As cousas acabaron mal, como case sempre no Olimpo e, segundo o relato de Ovidio, Aracne foi transformada nunha vulgar araña.

Efectivamente, a maioría das arañas son mestras na difícil arte de tecer complexísimas teas que utilizan para multitude de cometidos. A araña de xardín, como a que vemos na foto, elabora unha trampa espiral que sitúa entre as polas das árbores e dos arbustos para cazar pequenos insectos. Unha tea modesta en comparación coa atopada no Parque Tawoakoni (Texas, EE.?UU.) que tiña unha extensión de máis de 180 metros cadrados.

As arañas teñen no abdome unhas glándulas que segregan un concentrado proteico formado por proteínas ricas nos aminoácidos, alanina e glicina. No momento de saír é unha substancia pastosa, pero inmediatamente solidifícase ao contacto co aire converténdose en seda.

A tea da araña é unha marabilla da natureza polo harmonioso equilibrio que presenta entre solidez e flexibilidade. Combina tres tipos de fíos: as fortes fibras radiais constitúen unha estrutura moi resistente, as fibras espirais son elásticas e pegañentas e serven para atrapar os incautos insectos que tropezan coa trampa, e os fíos de seguridade permítenlle á araña desprazarse a saltos como un superheroe de banda deseñada. Esta última está considerada como a fibra máis resistente que existe: combina unha resistencia maior que a do mellor aceiro e unha flexibilidade cen veces superior á de calquera fibra artificial.

Moitos laboratorios en todo o mundo están intentando crear un material sintético de propiedades semellantes á seda da araña. Cando se consiga, podería ser utilizada en multitude de aplicacións que revolucionarían as industrias téxtil, aeronáutica e militar.

As últimas investigacións utilizan técnicas de enxeñería xenética: introducindo xenes de araña en células de mamífero, cultivándoas «in vitro» e, despois, tecendo as proteínas obtidas como se fosen fibras de nailon. Os primeiros resultados son alentadores pero, segundo os científicos, aínda pasarán moitos anos antes de poder comercializar un produto satisfactorio.

A historia de Aracne foi maxistralmente retratada por Velázquez no cadro La fábula de Aracné , coñecida popularmente como Las hilanderas . O pintor sevillano reflexiona con modernísima lucidez sobre a relación entre a creación e a imitación, entre mestre e discípulo. As arañas tardaron 400 millóns de anos de lenta evolución para conseguir unha seda de tan altas prestacións. Esperemos que non nos leve tanto tempo imitalas.