A mirada inqueda do artista

La Voz

BARBANZA

José Luis Veiras Manteiga nace en Santiago en 1949 pero vive en Noia até que en 1974 as circunstancias da vida o levan a Francia. Alí creará unha familia e nacerán os seus dous fillos, e aínda que se atopa cómodo no ambiente de liberdade e creatividade do país galo, xamais perderá o contacto con Galicia, e particularmente con Noia. No ano 2001 retorna para residir en Camboño (Lousame), nunha casa anterga que restaurou en grande parte coas súas mans. Confesa Veiras que de non poder ser pintor, sería carpinteiro, ao que replicamos que sería mágoa perder tan gran artista aínda gañando un magnífico orfebre da madeira. A partir do ano 1975 comeza e expoñer en diversos países, a súa obra está repartida en museos, institucións e coleccións particulares de Galicia, Francia, España, Holanda, Alemaña, Polonia, e mesmo de Canadá.

Imposible reproducir aquí o seu extenso currículo, pero podemos destacar que, aínda residindo lonxe, a súa traxectoria nunca estivo afastada da terra que o viu medrar e non faltan as exposicións realizadas en Noia, así como as colaboracións en publicacións como Carabela da Xiada, Barbanza, Casa da Gramática, ou as ilustracións dos títulos gañadores do Certame de Relatos de Aventuras Antón Avilés de Taramancos Rumbo ao Maluco de Xosé Agrelo e O botín da inmortalidade de Francisco Antonio Vidal, ademais do deseño de portadas para a editorial Toxosoutos.

Como autor de banda deseñada destaca dous títulos dos que tamén é autor do texto: Fuxidos, editado en Francia, e Folgar de Brigantia (A Coruña, 1999). Publica con texto de Pepe Agrelo o cómic Noia. Porto de Compostela, onde se narra a historia da vila. Nos tres casos é asombroso comprobar como cada viñeta está tratada como un cadro singular, superando así a técnica habitual neste xénero.

Pintor, ilustrador, deseñador de carteis, fundador de ART-VIF (grupo de pintores do que podemos contemplar un mural no Liceo de Noia) e de AAA 53 (Association pour la promotion de l´Art d´aujourd´hui en Mayenne), colaborador en prensa e televisión, Veiras Manteiga é un artista polifacético que despois de moitos anos dedicado á creación aínda conserva esa mirada tan especial dos artistas, mirada inqueda, profunda, do que observa para aprehender o cerne das cousas. A viveza dos seus xestos fainos entrever que non perdeu un chisco da inquietude que o leva a experimentar constantemente novas formas de expresión.