Unhas xornadas promovidas por Aturuxo congregarán este fin de semana na vila a chavales de toda Galicia
23 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A localidade boirense converterase novamente este fin de semana en epicentro comarcal da mocidade. Os responsables do protagonismo que acadará a vila entre o colectivo xuvenil de toda Galicia son os integrantes do colectivo Aturuxo que, en colaboración con dous centros sociais de Noia e Santiago, promoveron unhas xornadas de formación que arrancarán esta noite e que se prolongarán ata o domingo.
Aínda que este foro se presenta baixo o título Só vencen os pobos que loitan , as actividades principais tratarán sobre o sistema de funcionamento dos centros xuvenís e o seu financiamento. Co lema elixido, o que se pretende é facer referencia á grave situación que está a padecer o pobo palestino.
Todas as actividades proxectadas desenvolveranse na localidade de Boiro, algunhas no local que Aturuxo ten na rúa Principal e outras na Estación Leñaverde, no centro social; pero na súa organización colaboran A Fouce de Ouro de Bertamiráns e Rei Soga de Lobeira de Noia.
Os mozos que se trasladarán desde diversos puntos de Galicia inscribíronse previamente, xa que disporán dun lugar no que durmir, pero as xornadas están abertas a todas as persoas que desexen participar. Arrancarán esta tarde, ás 20.30 horas, coa correspondente inauguración, á que lle seguirá un espectáculo de títeres a cargo dun artista boirense e un obradoiro de música. Os presentes terán a oportunidade de ver o proceso de elaboración de algún instrumento tradicional e tamén comprobar o seu funcionamento.
Mañá as actividades comezarán pola mañá, sobre as once, con un percorrido pola serra do Barbanza que ten como finalidade ver de preto os xigantes de aceiro que aproveitan a forza do vento para xerar enerxía eólica. Este tema será despois o protagonista da conferencia que impartirá no local de Aturuxo un representante dunha organización ecoloxista.
Actos centrais
As actividades máis importantes destas xornadas de formación desenvolveranse mañá pola tarde, a partir das catro. Representantes dos tres centros sociais que promoven esta iniciativa participarán nun debate que xirará ao redor de tres puntos fundamentais: a implicación e a distribución do traballo nos colectivos xuvenís, a autoxestión e o financiamento, e os horizontes e obxectivos.
Os participantes poderán relaxarse despois na Estación Leñaverde, onde O Leo i Arremecághona presentará o seu libro de poemas Haicu . Este singular personaxe volverá a escena despois do concerto do grupo compostelá Impulsos Criminais, para deleitar ao público cun espectáculo.
As xornadas chegarán ao seu fin o domingo. Ás once da mañá, os mozos elaborarán un mural sobre o conflito de Palestina no local de Aturuxo, a onde regresarán ás catro da tarde para asistir a unha conferencia sobre historia. Está previsto que as actividades conclúan ao redor das seis da tarde, coa despedida correspondente.