O Xeito busca actores

BARBANZA

A asociación de Esteiro tenta atopar a dez persoas para levar a escena «Noite de lobos», de Xosé Agrelo

10 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Queren homenaxear ao escritor Xosé Agrelo Hermo, e os dirixentes da asociación cultural O Xeito, da localidade muradá de Esteiro, non atoparon mellor forma de facelo que levando a escena un dos seus textos, concretamente a traxedia Noite de lobos . Para poder sacar adiante esta iniciativa, a entidade precisa dez actores, sete homes e tres mulleres. Esta tarde, a partir das seis, levará a cabo un casting na Casa da Sociedade para seleccionalos.

O motivo polo que esta entidade ten tanto interese en lembrar a Xosé Agrelo ven dado porque foi este escritor o que fundou, en xaneiro do 2004, O Xeito Teatro. Con el como director, a compañía subiuse por vez primeira a un escenario coa peza O achado do castro , de Manuel Núñez Singala. Con esta función, unha farsa ambientada nos tempos dos romanos, a agrupación de Muros comezou a súa andaina.

Xosé Agrelo e os seus actores atrevéronse despois cun clásico das compañías de teatro galegas: Os vellos non deben de namorarse , de Castelao. Con esta función, ademais de percorrer toda a comarca, O Xeito chegou a lugares como Vilaboa e Corcubión.

En novembro do 2006, despois do falecemento de Agrelo, o seu fillo Xosé Ramón asumiu a dirección do colectivo teatral de Esteiro. Estreouse coa posta en escena dunha coñecida comedia española de Miguel Mihura, Melocotón en almíbar . O texto que representou O Xeito levaba por título Ave María purísima e era unha versión que o propio Agrelo compuxera pouco antes do seu pasamento.

Novo reto Noite de lobos é o título do novo reto que se marcou esta agrupación teatral. Trátase dun texto orixinal de Xosé Agrelo, escrito na década dos setenta, cando dirixía o grupo noiés Candea. Coa súa posta en escena, O Xeito pretende, por unha banda, render homenaxe ao seu fundador e, por outra, dar un paso máis na súa traxectoria. A compañía caracterizouse ata o de agora pola representación de pezas cómicas, pero esta obra é unha traxedia.

«É unha peza curta, pero intensa, coa que queremos dar un xiro á traxectoria do grupo, xa que ata o de agora sempre traballamos un estilo máis humorístico», explicou Pablo Núñez, o novo director da compañía de Esteiro. Para levar a escena este texto de Xosé Agrelo, O Xeito pretende contar con aqueles actores que xa traballaron nas anteriores representacións pero, co fin de darlle unha maior relevancia ao proxecto, optou por abrilo a toda a sociedade.

Por iso esta tarde, a partir das 18.00 horas, levarase a cabo un casting na Casa da Sociedade de Esteiro, no que poderán participar todas as persoas que o desexen. O obxectivo é seleccionar aos dez actores que, de xeito inmediato, empezarán a traballar en Noite de lobos . A intención é poder estrear a obra no mes de maio.

Será o primeiro dos homenaxes que O Xeito renda a Xosé Agrelo, xa que outra das propostas que hai enriba da mesa pasa por poñerlle á compañía de teatro o nome do seu fundador.