Un millón de persoas visitaron a páxina que o bar Plaza de Santa Uxía ten aberta en Internet dende o ano 1996
07 ene 2009 . Actualizado a las 20:35 h.Corría o ano 1996 cando un dos locais hostaleiros máis emblemáticos de Barbanza, o bar Plaza, daba o salto a Internet, colgando na Rede a primeira páxina web da comarca. Pouco máis dunha década despois, este portal conseguiu superar a barreira do millón de visitantes.
Aínda que co paso do tempo o propietario do establecemento ribeirense, Antonio Lijó, se fixo un experto nisto das novas tecnoloxías, lembra con claridade que tivo que recorrer a un informático para deseñar aquela primeira páxina: «Foi Óscar Abeijón o que se encargou de todo. Non era como agora, daquela o sistema fotográfico que se empregaba era analóxico e había que escanear as imaxes para despois colgalas».
A complexidade do sistema fixo que a páxina web ofrecera os mesmos contidos ao longo do seu primeiro ano de vida. Pero a Antonio Lijó gustoulle tanto a experiencia que se fixo cunha cámara de fotos dixital, adquiriu coñecementos na materia e propúxose o reto de converter o portal no centro de atracción informática da comarca. E non tardou en conseguilo.
Balance
O espazo que o bar Plaza ten en Internet é visitado cada día por unha media de 1.500 persoas. Esta cifra chega a duplicarse todos os anos nun día concreto: o martes de entroido. Pero, ¿cal é o motivo do éxito, se tampouco se trata dunha páxina moi elaborada ou cun contido informativo importante? Para Lijó, hai unha razón: «A actualización constante».
É que, case de forma diaria, este hostaleiro apaixonado das novas tecnoloxías colga novas fotografías no seu portal. Son instantáneas que reflicten o movemento social e cultural da comarca, xa que nesta páxina aparecen dende grupos de amigos que saen a gozar da movida ata presentacións de libros, pasando polas citas festivas máis importantes como a da Dorna, o Nazareno ou os desfiles de Reis e entroido.
«A xente chama para que vaia a facerlle fotos e despois colgalas na páxina ou incluso as mandan por correo, non só de Barbanza, senón que algúns emigrantes, sobre todo de Estados Unidos, tamén se suman a esta práctica», comenta Antonio Lijó.
Son poucos os ribeirenses que conseguiron escapar ao obxectivo do hostaleiro, que cada vez se move máis polo resto de Barbanza.