A confeitería Vilas elabora, á antiga usanza, máis de cen quilos de turrón e de postres típicos do Nadal
27 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A medida que se achega o Nadal, os escaparates das docerías énchense de deliciosos manxares con moi boa pinta. E iso é algo que sabe moi ben María Dolores Pérez Castell, a propietaria da confeitería Vilas, en Noia, quen todos os anos, dende hai 18, e chegadas estas datas, enche as vitrinas da súa tenda con un enorme peixe de turrón artesán.
«Hai un lote de anos que poñemos o peixe no escaparate e a xente xa ben a reservar un cacho cando aínda está sen empezar. Dinche, gárdame a aleta ou a barriga ou faime un filete», di Carmen Tuñas, a directora do obradoiro ante a atenta mirada da súa xefa.
Pero o peixe, que ven sendo o reclamo publicitario, é só a punta do iceberg da ampla variedade de turróns que se fan neste obradoiro do azucre, pois a este séguenlle outros, non menos modestos, coma o Carmiña, o Rebeca, o coco-loco, o irlandés, o trufado de mel con améndoas ou o Noia.
«Os nosos turróns reciben designacións ás veces peculiares, como por exemplo o Carmiña, que é o nome da súa inventora. Outros poñémolos en homenaxe a algo que nos gusta», di María Dolores Pérez, mentres lembra que hai anos, cando tiña a súa docería en Santiago, bautizou unha torta de chocolate co nome da raíña Sofía. «Púxenlle o nome porque eu servín esa sobremesa nunha comida na que estiveron os reis e como lles gustou...», di con ledicia.
Pero, ¿cal é o segredo destes doces? Pois nada máis e nada menos que a materia prima que se utiliza e o saber facer das súas autoras.
«Elaborar os turróns de maneira artesán da moito traballo, porque primeiro hai que moer as améndoas, logo mestúranse con azucre e clara de ovo e despois esa masa cócese nunha perola cun pouco de almíbar. E iso aínda o hai que remexer cun pau», di Pérez.
Pero antes de que os doces cheguen ás nosas mesas, hai que colocar a masa resultante en capas de diferentes sabores e prensalas, co fin de facer unha peza consistente.
A continuación, cortase a peza en filetes e estes póñense en caixiñas para que a xente as merque para eles mesmos o as envíe de agasallo.
«Aínda sigo tendo clientela de Santiago que me fai encargas e tamén levo paquetes a Vigo, de onde son. Logo hai outra xente que me encarga cestas, que eu mesma decoro para regalar. Teño constancia de que os meus produtos son enviados a Madrid, Barcelona ou Suíza», di Pérez.