Solidariedade con Bolivia

J. M. Sande

BARBANZA

Os estudantes de Muros montaron un mercadillo para recadar fondos cos que axudar aos nenos de Totora

18 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os escolares muradáns participaron, un ano máis, nun mercadillo solidario coa finalidade de recadar fondos para mellorar as instalacións e os servizos que se prestan aos nenos necesitados na localidade boliviana de Totora. Nesta iniciativa colaboran dende as escolas de infantil aos centros de secundaria, e mesmo o Concello, a Asociación Pepa a Loba e outras entidades do municipio. A intención é a de acadar cartos para mercar utensilios ou facilitar a acollida de nenos pobres e abandonados da localidade do distrito de Cochabamba.

Para conseguir xuntar unha cantidade importante de cartos cos que levar a cabo o labor solidario con Totora, dende comezos de anos veñen desenvolvéndose en Muros unha serie de actos, nos que unha parte do recadado se envía directamente á institución boliviana. A idea de axudar aos nenos de Totora partiu dunha proposta feita polo misioneiro muradán Francisco Duvert, quen exerceu a súa pastoral nesa comarca ao longo de moitos anos.

Artigos feitos nas aulas

Nesta ocasión, os escolares levaron ao mercadillo diversos traballos feitos por eles mesmos nas clases de manualidades, así como noutras disciplinas de carácter docente, como tecnoloxía. Algúns estudantes incluso contribuíron con xoguetes seminovos. Todos os artigos se puxeron á venta coa esperanza de reunir unha contía económica aceptable.

As familias e amigos dos nenos acudiron masivamente á convocatoria solidaria, e foron eles os que se encargaron de adquirir a maior parte dos obxectos postos á venda. Desa forma, non só os nenos se ven involucrados nunha acción solidaria, senón que tamén as súas familias participan directamente nunha iniciativa coa que se pretende concienciar á cidadanía da necesidade de axudar aos desfavorecidos.

Ademais de participar activamente neste mercadillo solidario, denominado Totora K, os nenos tamén recibiron información do lugar de destino dos fondos recadados, para o que se lles amosaron as obras nas que se pretenden investir os cartos, así como a forma de vida dos nenos pobres bolivianos. Os cativos tamén tiveron a oportunidade de ver o internado infantil desta localidade, un servizo posto en marcha a iniciativa do misioneiro de Muros coas axudas que este pobo barbancés ven enviando dende hai xa varios anos a Bolivia no que xa é unha tradición da época de Nadal.