TEATRO
«SEMPRE EN RIANXO. O SOÑO DO BARBEIRO»
Andrés García Martínez, Pancho. Edicións do Castro (Sada, 2008). 90 páxinas
Dúas características unen os grandes escritores rianxeiros. A síntese do popular e o culto, e o uso de Rianxo como símbolo universal.
Andrés García Martínez, máis coñecido por Pancho Martínez , homenaxéaas neste libro, unha balada popular que, como el mesmo di, «ofrece unha visión sinxela do Rianxo máis xenial». Unha obra que, en breves datas, van representar, baixo a dirección do autor, un cento de rianxeiros no novo auditorio de Rianxo.
A obra, que xira ao redor dos soños dun barbeiro, está estruturada en tres actos. A Ribeira . A Taberna . A Guadalupe . Tres arquetipos do inconsciente e do consciente rianxeiro.
Os grandes escritores da vila mestúranse na trama cos seus propios personaxes, e co protagonista principal.
O pobo de Rianxo, retratado con mestría a partir dos trazos e feitos históricos que o definen. Sardiñas. Caldeiradas. Chiquitas. O xeito. A Manuela...
Unha obra coral, case «operística», na que a música ten unha presenza, física e metafísica, permanente. Gaiteiros. Banda de música. Coral. Cantinelas. Lela, a Rianxeira, Mariñeiros de Rianxo e outras moitas cancións.
Pancho Martínez era o autor ideal para escribir esta obra. Actor de teatro, cine e televisión cunha longa traxectoria, rianxeiro, restaurador na propia vila, coñece perfectamente, é dicir, vivencialmente, o Rianxo que homenaxea.