Visión artística do corpo

BARBANZA

Tres esculturas e 18 cadros conforman «Tactilidades», a exposición de María Magán que pode verse en Boiro

08 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un novo valor do mundo da arte, María Magán Lampón, tomou a noite do xoves o relevo da pintora Laura Neru na sala de exposicións do centro social de Boiro. Arroupada polo alcalde, Xosé Deira, e polo concelleiro de Cultura, Gerardo Triñanes, a licenciada en Belas Artes pola Universidade de Pontevedra presentou unha innovadora proposta que, baixo o título de Tactilidades , está conformada por 18 cadros e tres esculturas.

Este conxunto de obras forman parte dun mesmo proxecto no que Magán comezou a traballar hai tres anos. Nel, ofrecendo a súa visión artística do corpo, tenta achegarse ao mundo creativo a través dos sentidos. Para espertar no público o desexo de sentir e de tocar, a boirense fai uso de diferentes materiais. De feito, os cadros están realizados mediante o uso dunha innovadora técnica: látex bordado sobre terciopelo.

A artista optou por coser os lenzos emulando así a técnica de bordado introducida polas mulleres feministas nos anos sesenta: «Son o meu referente e, nesta ocasión, vin conveniente recorrer ao cosido porque na pel tamén existen as cicatrices».

Mestura de materiais

A colección inclúe dúas esculturas vinculadas con eido ortopédico. Están feitas con resina, látex e tercipelo e son, segundo recoñece a propia autora, «unha forma poética de falar de como sanar partes do corpo». A maiores, hai unha terceira peza escultórica en forma de cubo que, baixo o título de Ti e máis eu igual a un , reflicte a visión que María Magán ten do cubo de Oteiza, referente que teñen boa parte dos artistas contemporáneos.

A boirense concibe este cubo como unha extensión do seu corpo. De feito, a figura en si compleméntase con dúas fotografías, nas que a propia autora aparece dentro da escultura, máis un vídeo feito dende o interior da caixa, que amosa a visión que María Magán ten do exterior.

A que poderá verse ata finais de mes no centro social de Boiro constitúe a terceira exposición individual desta creadora de Boiro, que ten participado nun bo número de mostras colectivas, tano en Barbanza como fóra das fronteiras da comarca.

No vindeiro mes de decembro, o espazo que agora ocupan os cadros e as esculturas de María Magán será tomado polas obras pictóricas doutra barbancesa, a artista de Palmeira Loli Regueira.