O Centro de Atención á Discapacidade da Pobra abriu unha aula de informática dotada de sete equipos
14 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os usuarios dos obradoiros promovidos polo Centro de Atención á Discapacidade da Pobra (CAD) contan dende o pasado fin de semana cunha moderna aula de informática dotada de sete equipos. Este material foi sufragado pola Obra Social de Caixa Galicia.
De feito, con motivo da inauguración da sala, ata a vila pobrense desprazouse o director desta entidade, Manuel Aguilar López, quen se amosou sorprendido pola cantidade de servizos cos que conta o centro. Percorreu as instalacións acompañado polo rexedor local, Isaac Maceiras; pola concelleira de Servizos Sociais, Rosa Fernández; e pola directora do CAD, Julia Rial.
Ao igual que o resto de obradoiros que se desenvolven neste centro, o taller de informática está dirixido a persoas de entre 16 e 35 anos. A actividade xa se impartía antes, pero empregábase unha aula cedida pola firma El Muelle. De feito, dous dos alumnos xa están a realizar prácticas nos servizos municipais, concretamente na casa consistorial e na biblioteca.
Clases prácticas
Julia Rial destacou a importancia desta conexión co mundo laboral: «O curso de informática que impartimos é eminentemente práctico e a intención é que se complete despois co desempeño dun traballo nas oficinas do Concello, de forma que os alumnos teñan a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos».
Polo de agora hai un grupo de cinco persoas formado para darlle uso á nova aula de informática do CAD, aínda que a directora da escola comentou que hai un segundo colectivo que empezará a asistir ás clases en breve. De feito, ante a demanda que rexistra este servizo, Isaac Maceiras aproveitou a presenza do director da Obra Social de Caixa Galicia para solicitarlle a cesión de máis equipos: «É probable que nun curto espazo de tempo se duplique o número de ordenadores», sinalou o alcalde.
Ademais do obradoiro de informática, o CAD ten en marcha un taller de manualidades e confía en reanudar en breve o de xardinería. Ás clases acoden 12 alumnos de entre 16 e 35 anos. No referente ao servizo de tratamento do que dispón o centro, nestes intres o número de usuarios elévase a 25.