A mostra sobre o traxe galego que se exhibiu nas últimas semanas en Muros converterase en itinerante
10 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A exposición A indumentaria tradicional galega, o traxe de Muros , que onte se clausurou no edificio San Xoán, rexistrou un éxito de público moi destacable. Isto motivou que a Deputación da Coruña, patrocinadora da iniciativa, decidise onte converter en itinerante esta exposición. Así, os outienses serán os seguintes en poder observar o traballo que fai Ximiela na recuperación da vestimenta tradicional.
A maioría dos nenos que pasaron polo edificio San Xosé interesáronse por coñecer os nomes de cada unha das pezas que configuran a indumentaria completo do traxe, tanto da muller coma do home. Algúns deles tamén querían saber o prezo de cada vestido, e tamén houbo quen preguntou se esa era a vestimenta cotiá, a dos días festivos ou a do verán.
Informado o presidente da Deputación coruñesa do éxito logrado por Ximiela con esta mostra presentada en Muros, accedeu gustoso a seguir co patrocinio inicial da exposición, e trasladala de seguido a Outes, localidade na que tamén el presidirá a súa inauguración. Dese Concello chegaron dúas peticións á sede provincial: a do alcalde, Carlos López Crespo, e a da Asociación Cultural Terra de Outes, para presentar esta mostra, aínda que os dous organismos decidiron que a casa da cultura era o lugar idóneo para amosar estes traxes. A inauguración terá lugar o vindeiro día 19.
Complemento literario
Xunto coa indumentaria tradicional que confeccionou Ximiela, tamén se presenta un volume literario, no que ademais de relatarse as orixes e a evolución do traxe galego, traballo elaborado polo historiador, Clodio González Pérez, tamén se da unha cumprida visión fotográfica das indumentarias e de cada unha das pezas que as integran, que realizou Suso Xogaina.
Os alumnos de infantil e primaria de Muros visitaron esta semana a exposición. Representantes da asociación Ximiela foron os encargados de explicarlle aos cativos as características dos traxes típicos galegos, atendendo tamén ás súas preguntas.
Aínda que o traxe típico de muradana, tan laureado por Rosalía de Castro e outros literatos e historiadores galegos, convértese no centro de interese desta colección, na mostra de Ximiela preséntanse tamén outras vestimentas da época, habituais en outras comarcas da comunidade autónoma galega.