Traxes con moita historia

J. M. Sande

BARBANZA

O edificio San Xosé, en Muros, dá cabida a unha exposición de 75 vestidos tradicionais de Galicia

24 sep 2008 . Actualizado a las 22:56 h.

Poñer en valor a diversidade do traxe típico de Galicia e destacar a súa riqueza etnográfica son os obxectivo que persigue a exposición que onte se abriu no edificio San Xosé, na localidade de Muros. Trátase dunha mostra integrada por 75 vestidos, que se presenta baixo o título A indumentaria tradicional galega . A iniciativa partiu do colectivo local Ximiela, e conta co patrocinio da Deputación da Coruña, que recentemente editou un libro co mesmo nome.

O acto de apertura da inauguración arrancou con cinco minutos de silencio por mor dos último atentados terroristas. Na súa intervención, o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, destacou a importancia de iniciativas como a levada a cabo por Ximiela: «Temos que sentirnos orgullosos do que temos e do que somos», dixo.

O dirixente provincial destacou que promover a cultura é un dos retos que se marcou a institución: «A Deputación está para facer obras e servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños, pero o goberno que eu presido tamén se impuxo dar un forte pulo á cultura, coa intención de que as xentes das vilas poidan acceder aos vieiros culturais dos que gozan os habitantes das cidades».

Reivindicación

Tamén o alcalde de Muros, Domingos Dosil, aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo que dende hai anos ven desenvolvendo Ximiela no referente á recuperación do traxe galego. O rexedor non quixo deixar pasar a oportunidade de reivindicar un auditorio digno para a vila de Muros, facendo unha clara referencia á adquisición do antigo cine París.

Moreda non só recolleu a petición, senón que lle ofreceu unha resposta ao alcalde no mesmo momento. O presidente provincial manifestou que a Deputación está disposta a colaborar neste proxecto, pero que non pode asumir a compra do inmoble. Sinalou que debe ser o Concello o que adquira o edificio, operación para a que contará cunha subvención da institución provincial.

O historiador Clodio González tamén se dirixiu ao público que se deu cita no edificio San Xosé. El mais o fotógrafo Suso Xogaina foron os autores do libro sobre o traxe galego editado pola Deputación. De todas as indumentarias tradicionais, González destacou a importancia da típica muradá.