Xuntanza sobre dúas rodas

BARBANZA

Preto dun milleiro de pilotos acudirán a Noia para participar na segunda concentración moteira da vila

02 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao máis puro estilo Easy Rider, preto dun milleiro de pilotos, segundo os cálculos da organización, chegarán o 15 de agosto a Noia sobre as dúas rodas da súa moto para participar na segunda edición da concentración moteira da vila.

Este ano, e ante o éxito de convocatoria da primeira concentración, a asociación mototurística Ría de Noia optou por ampliar a festa a dúas xornadas, nas que, ademais de tres rutas pola zona, os participantes poderán degustar a gastronomía típica e gozar de diversas actuacións musicais.

«Trátase dun programa máis logrado que o da primeira edición», aseguraba Carlos Crego, socio do colectivo de moteiros noieses, quen subliñou que o principal obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a vila noiesa a todos os afeccionados ás motos.

Unha opinión que compartiu o concelleiro de Festas, José Manuel González, quen quixo recordar que as actividades deste tipo redundan positivamente no sector servizos de Noia, e que é por iso polo que o Concello se viu «case obrigado a colaborar coa organización desta concentración».

Rutas turísticas

Portosín, Pontenafonso e San Finx son os destinos escollidos este ano para as tres rutas turísticas previstas na concentración.

Carlos Crego salientou que dar a coñecer o xacemento lousamiano era unha idea que xa roldaba polo seu maxín no nacemento da concentración noiesa, e que por iso este ano optaron por incluíla.

Tamén o Concello de Lousame decidiu colaborar coa organización, e ao chegar a San Finx, os inscritos poderán gozar duns petiscos para matar a fame despois da viaxe.

Serán un máximo de 500 os que poderán apuntarse no quilómetro cero da concentración, situado na zona de Labarta. Por un «prezo simbólico» de 15 euros para os dous días, ou de 10 para unha soa xornada, os inscritos recibirán unha funda de casco chea de artigos variados, a modo de equipo de supervivencia.

Ademais, terán a posibilidade de acampar na zona de concentración ou no polideportivo municipal e serán agasallados cunha churrascada o venres 15 e cunha degustación de rosca e empanada o día 16. De todos os xeitos, están convidados a participar todos os moteiros que o desexen.

A traca final, que aínda está por confirmar, sería unha homenaxe a todos os moteiros que quedaron nas estradas mediante unha marcha con fachos.