A dúas rodas por Boiro

Cristina Torres

BARBANZA

Un grupo de amigos recuperan a concentración moteira da vila apoiados por diferentes patrocinadores

24 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O municipio de Boiro foi durante a década dos noventa un referente no mundo das motos. Sen embargo, hai xa oito anos que non se celebraba ningunha concentración ou actividade deste tipo no lugar. Este ano, as cousas van cambiar. Un grupo de amigos afeccionados decidiron que isto non pode seguir así, que Boiro tiña que volver a ser o referente que era. Por iso, levan meses organizándoo todo para lograr que este fin de semana se reúnan na localidade centos de moteiros de diferentes lugares.

Como comenta un dos responsables, Manolo García Santos, a idea xurdiu entre un grupo de amigos: «Xuntámonos uns cantos e decidimos facer algo para recuperar o que xa se perdera. Contamos con moitos apoios e había moita xente interesada en que a iniciativa se recuperase. A cousa comezou a poñerse seria e ao final decidimos crear o moto club Boiromotos. Nel, eu ocupo o cargo de secretario, e o presidente é Luis Alberto Triñanes».

Tres días de festa

O lugar elixido para a celebración é o parque da Cachada. A festa terá lugar o venres pola tarde. Os pratos fortes desa xornada son as exhibicións. A primeira dará comezo ás 19.30 horas e o seu protagonista será Cristián Laíño, un neno de 7 anos que compite en motocrós. Unha hora máis tarde tocaralle o turno a varios pilotos locais que realizarán unha exhibición de trial. A partir das once e media a verbena será amenizada por varios pinchadiscos.

Como comenta Manolo García a idea é que todo o pobo gañe coa concentración, así que a organización cree que entre a unha e as dúas da madrugada o espectáculo darase por finalizado no recinto co obxectivo de que a xente se dirixa aos locais boirenses, e coñezan o ambiente nocturno.

A xornada do sábado comezará pola mañá, aínda que o prato forte non chegará ata a tarde. A organización invitou ao coñecido acróbata Paulo Martinho, que ofrecerá o seu particular espectáculo a partir das oito. Durante todo o día se celebrarán concursos, carreiras e probas no recinto. Coa chegada da noite empezará a festa, a cal estará amenizada por gogos, transformes, pinchadiscos e por suposto grupos musicais.

O domingo, último día da celebración, pretende ser unha xornada de exhibición das motos. Todos os participantes aparcarán a súa na rúa peonil e os viandantes terán a posibilidade de contemplalas.

A iniciativa conta co patrocinio de varias consellerías e do Concello, ademais do de outras empresas particulares. «Creo que isto dará un impulso turístico ao municipio. Ademais haberá múltiples actividades dirixidas non só aos profesionais: exhibicións, xogos, música en vivo, rutas turísticas e concursos; o que fai que sexa unha festa máis, con certo carácter cultural. Esperamos unha boa acollida por parte do público e que moitos moteiros se sumen á festa», comenta García.