O técnico de Cultura Alberto Piñeiro explicará o martes no Parlamento o traballo dos últimos oito anos
26 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Iniciou a súa andaina hai oito anos como un proxecto destinado a formar aos mozos de Boiro con inquedanzas culturais e a habilitarlles un espazo para dar a coñecer a súa obra, pero hoxe en día Leñaverde é todo un armazón que contribúe ao desenvolvemento do municipio, tanto a nivel social como económico. Por iso, este plan está a espertar interese máis alá das fronteiras de Barbanza. Tanto é así que xa se converteu nun referente a nivel galego.
O técnico de Cultura de Boiro e coordinador do proxecto Leñaverde, Alberto García, explicará o martes no Parlamento galego as orixes e o proceso de desenvolvemento que segue este plan, así como os contidos que abarca na actualidade. Este relatorio enmárcase na comisión que puxo en marcha o organismo autonómico para estudar a situación da mocidade.
O obxectivo desta comisión, da que forma parte o parlamentario outiense José Manuel Lage Tuñas, é debater e ofrecer propostas para mellorar a situación dos mozos galegos nos eidos social, económico, cultural e laboral.
De feito, a pretensión de Alberto García é explicar no seu relatorio como o investimento en innovación e creatividade pode incidir a longo prazo no desenvolvemento económico e social dun pobo e, polo tanto, de todo un país.
A intención do técnico de Cultura é explicar como hai oito anos, coincidindo coa expansión urbanística que experimentou Boiro e co incremento da poboación, comezou a promoción do eido cultural. Foi entón cando Leñaverde deu os seus primeiros pasos, co fin de darlle aos mozos do municipio a posibilidade de desempeñar un labor produtivo baseados nas capacidades de imaxinación, creatividade e innovación.
Os orixes
Este proxecto estruturouse ao redor do centro social da localidade boirense, unhas instalacións municipais nas que os mozos teñen á súa disposición uns dous mil metros cadrados de espazos enfocados case de xeito exclusivo á súa formación, á exhibición do seu traballo e incluso ao desenvolvemento das súas iniciativas empresarias.
A biblioteca universitaria, a sala de exposicións destinada aos novos creadores, as aulas multimedia e de informática, os locais de ensaio, a escola de música, e as sedes das cooperativas Fungo, Xarelo e Sonaxe son algúns dos servizos cos que conta o centro social.
Alberto García aproveitará a súa intervención no Parlamento galego para facer referencia ao ambicioso proxecto que ten en mente o Concello de Boiro para culminar o plan Leñaverde: a constitución dunha factoría cultural, unhas instalacións que permitiran darlle saída ás empresas, colectivos e creadores individuais que hai no municipio.
O que deixará claro este martes o coordinador do proxecto cultural Leñaverde é que a creatividade se está a consolidar como elemento característico do pobo de Boiro, imprimíndolle ao municipio, e polo tanto a toda a comarca barbancesa, unha imaxe de territorio avanzado, con empuxe e viveza, moderno e innovador.