O Xabarín Clube abrirá o 6 de xullo o programa de xogos e cursos infantís que se prolongará ata setembro
21 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.As clases xa remataron, pero os nenos de Ribeira poderán seguir formándose ao longo do verán ao tempo que gozan das vacacións. A Concellería de Cultura deseñou para eles un amplo e variado programa de actividades que arrancará o 6 de xullo coa actuación do Xabarín Clube. As estrelas televisivas subiranse ao escenario do Malecón da cidade a partir das dez da noite para animar aos peques a cantar e a bailar.
Este concerto será só o inicio dun ciclo de actividades que se prolongarán ata mediados de setembro. Ao longo deste tempo, os cativos do municipio de Ribeira poderán sumarse a oito obradoiros. Así o anunciaron onte o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández, e os técnicos Unai González e Segundo Durán, no acto de presentación da programación de verán, que ten un orzamento de trinta mil euros.
Os nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos terá a oportunidade de participar no obradoiro multidisciplinar Xoga con nós, unha iniciativa que ten como finalidade fomentar e potenciar valores de participación, integración e educación a través do xogo. Esta actividade desenvolverase no colexio O Grupo entre as 9.00 e as 14.00 horas pero, co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, existe a posibilidade de ampliar o horario, incluíndo almorzo e xantar.
Nas localidades de Aguiño, Artes, Castiñeiras, Oleiros, Palmeira e Olveira tamén se desenvolverá unha actividade similar. Neste caso denomínase Verán rechinán e vai dirixida a nenos de 4 a 7 anos. Neste obradoiro tamén se mesturarán os xogos coa educación.
Informática e música
Os pequenos de 8 a 13 anos terán este verán a oportunidade de adquirir coñecementos informáticos. En Aguiño desenvolverase o obradoiro de novas tecnoloxías Inforxogo. Mentres, no conservatorio ribeirense terá lugar un curso de iniciación á música, dirixidos a nenos de 6 a 8 anos.
O debuxo, a banda deseñada e a caricatura son outras das materias nas que terán a posibilidade de mergullarse os pequenos de Ribeira ao longo das vacacións estivais. Serán os nenos de 8 a 12 anos os que poderán asistir a estas clases, que terán lugar no conservatorio de Ribeira.
Outras das actividades ás que poderán sumarse os chavales de entre 8 e 13 anos é o obradoiro de fotografía dixital Reflexos de lecer. Realización de imaxes, maquetación informática, montaxe, impresión e selección son algúns dos contidos que se tratarán neste seminario. Ao final, o público poderá ver os froitos do esforzo mediante unha exposición.
O sector audiovisual tamén ten cabida na programación deseñada polo departamento de Cultura de Ribeira. O obradoiro Filmina de verán permitiralle aos rapaces de 10 a 14 anos aprender a realizar curtametraxes. Pola súa banda, os chavales de entre 8 e 16 anos terán a oportunidade de ver unha serie de proxeccións no marco do ciclo Onda-cinema.
O prazo de inscrición para participar en calquera destas actividades xa está aberto e as solicitudes deberán entregarse no auditorio municipal. Terán prioridade os rapaces empadroados en Ribeira. Polo de agora hai xa uns 250 cativos inscritos.