O Concello de Ribeira deseñou un programa que inclúe actividades como barranquismo, kaiak e «paintball»
10 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os mozos do municipio de Ribeira non terán tempo para o aburrimento esta temporada. De conseguir que así sexa encargáronse os departamentos municipais de Xuventude e de Deportes, que deseñaron un programa de actividades para os vindeiros fins de semana que inclúen a posibilidade de practicar barranquismo, kaiak ou paintball .
Os concelleiros responsables de ámbalas dúas áreas, Vicente García e Miguel Vidal, foron os encargados de dar a coñecer as iniciativas que se van levar a cabo, que están enmarcadas nos programas Skpat e En marcha. Sinalaron que o obxectivo fundamental é darlle ao veciños do municipio, fundamentalmente ao colectivo xuvenil, novas alternativas de ocio.
Co estas actividades, o Concello de Ribeira tamén tenta que os mozos do municipio se acheguen a distintos entornos de interese cultural, turístico, natural e deportivo tanto da comarca como do resto da xeografía galega.
O programa arrancará este sábado cunha sesión de barranquismo que se vai levar a cabo no río Xallas, ao seu paso por Ézaro. Esta actividade está dirixida aos ribeirenses maiores de 18 anos, que deberán facer unha achega de 25 euros.
Multiaventura
Pola súa banda, os mozos de 16 e 17 anos poderán participar o día 19 nunha xornada de multiaventura, que terá como escenario o recinto dos cámpings Valverde e Ría de Arousa II. Os interesados en sumarse a esta iniciativa, na que se practicarán xogos de orientación, tiro con arco, paintball e percorridos en quads, terán que abonar a cantidade de 20 euros.
Os afeccionados ao deporte do kaiak tamén teñen unha cita o día 19, no río Ulla. Neste caso, o prezo tamén é de 20 euros, e a ruta está dirixida a maiores de 18 anos.
Do mesmo xeito, este colectivo será o beneficiario da xornada de paintball que se desenvolverá o 26 no cámping Valverde. A contía a pagar é de 15 euros.
O fútbol tamén está presente nesta programación de ocio alternativo. Os cativos de entre 8 e 13 anos poderán acudir o 18 de maio ao partido que disputarán o Deportivo e o Villareal pagando cinco euros.
Tódalas actividades teñen prazas limitadas, polo que os interesados en sumarse a elas deben anotarse no auditorio ou no número de teléfono 981 835 650.