«Regreso del indiano», de Castelao

Esperanza Mariño Davila

BARBANZA

28 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

CRÍTICA

De Castelao non debe esquecerse o fortísimo vencello barbancés tamén a nivel pictórico. Aquel mociño esguío de 14 anos, chegado da Pampa en 1900, axiña vai recibir na Pobra clases de debuxo da profesora María Dios. No cuadrienio 1916-1920 o rianxeiro atravesa un período «nacionalista», onde procura captar a esencia galega.

Dúas soberbias obras desta época comparten ano e características técnicas; trátase dos óleos El emigrante e Regreso del indiano. Non quedaba outra: a emigración, drama colectivo do seu pobo vivido en propia carne, constitúe unha preocupación fundamental. Fronte ao desacougo da despedida do primeiro cadro, do vencido de antemán -lembremos aquelas realistas verbas súas, espello da tradicional mansedume: «En Galiza non se pide nada. Emígrase»-, o segundo presenta o triunfo en oposición á maioría fracasada.

O indiano ou americano afortunado viste á usanza do trópico contravindo a estatística, pois a Arxentina supoñía o acubillo xeneralizado. Como debuxo e letra se complementan, velaí un fragmento de Cousas (1926): «Chegóu das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño (...) sintéu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. (...) Panchito retornóu á aldea. Chegou probe e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco...».

Outra vez, para o artista, a imaxe nace antes que a letra. Non por casualidade o sólido e riseiro indiano, con vestimenta clara e mais un papagaio pendurado da man, ocupe a parte central do cadro en forte contraste co encolleito paisano ao seu carón, vestido con roupa escura e de paraugas na man -a ostensible riqueza, posta de manifesto nese reloxo de ouro, choca co humilde atavío-.

Detrás, unha riola da admirada á vez que subxugada veciñanza de cabeza gacha, a modo de procesión, precedida por un home robusto que transporta pola corredoira, costa arriba, o inmenso e pesadísimo baúl coas pertenzas do triunfador.

Un personaxe singular vén sendo o rapaciño que axexa tras o valado de pedra, reflexionando. -Castelao concedía grande importancia á educación da mocidade, de aí que lle dedicase Os dous de sempre (1934), coa súa nidia ensinanza).

A caracterización da paisaxe é perfecta. Trátase dunha aldea calquera das Rías Baixas, co mar calmo e as montañas de fondo. Vense casas espalladas na distancia. O verdor intenso da vexetación mestúrase coa débil cor da herba; os piñeiros, omnipresentes, filtran un azul esbrancuxado, inzado de bruma. Esa luz nórdica xa reflectida por Patinir e outros pintores do Norte alcanza o seu máximo virtuosismo xusto neste cadro.

E xa para rematarmos, fóra lerias. Nada coma unha lúcida reflexión de Castelao sobre a importancia da paisaxe: «Podo decirvos que o pouco que valo, débollo a estar deitado n?os piñales, deixando qu?a Natureza entrase dentro de min».